Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2022 | Actualizada ás 17:26
O Parlamento de Galicia acordou manter conxelado o salario dos deputados galegos nos orzamentos para 2023, unhas contas que si contemplan unha subida do 4 por cento para o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e os membros do seu executivo.
Fontes parlamentarias ratificaron a Europa Press que a Mesa da Cámara, que preside Miguel Santalices (PP) e na que están representadas o tres forzas políticas do arco parlamentario (tamén BNG e PSdeG), acordou manter as retribucións actuais para os 72 representantes cos que conta o hemiciclo.
A Cámara autonómica conta con 75 escanos, pero tres --o presidente Ruda e os seus vicepresidentes primeiro e segundo, Francisco Conde e Diego Calvo-- son integrantes do Executivo e o seu salario remunérao a Xunta.
Así as cousas, a partida para altos cargos e delegados para 2023 recollida no orzamento autonómico para 2023 (que agora ten que tramitarse) inclúe 2.236.600 para pagar a altos cargos e delegados, unha partida que apenas sobe 2.000 euros con respecto a 2022 e que se debe a que neste global inclúese persoal con consideración de alto cargo pero aplicación salarial de empregado público.
No caso da contía reservada para persoal de gabinete, a Cámara galega orzou 590.050 euros, fronte aos 567.140 euros dos orzamentos vixentes, unha subida que se corresponde co 4 por cento.
O orzamento do Parlamento de Galicia ascende, para o próximo ano, a 19.409.000 euros (fronte aos 18.765.000 de 2022), mentres que o do Valedor do Pobo --institución comisionada da Cámara-- é de 2.067.000 euros (fronte aos 1.988.000 de 2022). En total, suma suman 21.476.000, fronte aos 20.753.000, un 3,48 por cento máis (por baixo do 4%).
SUBIDA NO EXECUTIVO
Con todo, o proxecto de orzamentos recolle unha subida do 4 por cento para o presidente e os conselleiros, de forma que pasa dos 79.651 que figuraban en 2022 para o seu predecesor no cargo, Alberto Núñez Feijóo, aos 82.843 que recibirá o ano que vén Alfonso Rueda.
Mentres, os soldos dos dous vicepresidentes e os dos conselleiros pasan de 69.517 euros a 72.303, o que supón tamén unha alza do 4%. En canto ao persoal eventual de gabinete, o gasto redúcese lixeiramente, ao pasar de 6,37 millóns de euros este ano aos 6,2 millóns contemplados para o que vén.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.