Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2022 | Actualizada ás 13:07
As traballadoras do Servizo de Atención no Fogar están en folga en Galicia contra a precariedade e pola mellora das súas condicións laborais. Dende o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) veñen de emitir un comunicado no que demandan a "firma dun novo convenio e o incremento da financiación" como pasos "imprescindibles". Ademais, solicitan a "actualización dunha orde autonómica reguladora de SAF, que data do 2008, así como dun modelo de ordenanza que equipara en condicións de igualdade a prestación do SAF en todo o territorio galego".
E é que, segundo explican dende o Colexio, "moito do malestar reside na desigualdade de atención no desenvolvemento das prestacións que ofrece o servizo entre uns concellos e outros". Así mesmo, as traballadoras sociais fan especial fincapé nas especificidades do ámbito rural. "Debido á dispersión xeográfica e o custe/hora de SAF, sería preciso sumar o tempo de desprazamento e quilometraxe, xa que supón un incremento no custo do servizo que debe ser contemplado pola Administración autonómica e concellos", explican.
Tal como sinala o Grupo de Traballo Social e SAF do COTSG, a lei 39/2006 fai responsable final á Xunta de Galicia na Planificación Xeral de Servizo de Axuda no fogar, mentres corresponde a súa xestión á Administración local. "Debemos ter en conta a disparidade de prezo/hora que existe en diferentes concellos e, no caso de estar externalizados, ter presente que existen empresas que ofertan por debaixo do custo, o que supón unha baixa temeraria". Ante estas prácticas que, sinalan, se dan na actualidade, a "Xunta debería establecer un prezo/hora mínimo que garanta a calidade do servizo".
Doutra banda, dende o COTSG lembran que o colexio foi a "única entidade" que votou en contra no Conselllo da Xunta de Galicia polo "ridículo" incremento no custe da hora do servizo de atención ao domicilio, que pasou dos 9 aos 11 euros a hora. "Iso perpetúa as malas condicións laborais, que evidentemente repercuten na calidade da atención, xa que no momento actual hai unha dificultade tácita para a contratación", alertan dende o Colexio, que poñen tamén o foco no "cansazo" das profesionais e das persoas usuarias.
Asemade, identifican un "déficit" de persoal no que se refire á coordinación e o seguimento do servizo de axuda no fogar, tanto no ámbito da Empresa privada como na administración local. Neste sentido lembran que demandaron á Xunta en "reiteradas ocasións" a creación dunha mesa técnica de avaliación deste servizo e da atención a dependencia, "sen obter resposta ata o momento".
Ante as "condicións insostibles" da traballadoras, dende o Colexio conclúen coa necesidade de "visibilizar, sensibilizar e concienciar sobre a importancia de velar polo seu bo funcionamento e por unhas condicións laborais dignas e xustas, á vez que por unha calidade do servizo suficiente para poder apoiar as familias nos procesos de dependencia que transitan".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.