Adiante nos penaltis

O Santiago Futsal elimina ao Magna Navarra tras encaixar dous goles no último minuto e manterse a igualada na prórroga. O árbitro, que amosou 12 tarxetas, expulsou ata o 'speaker'. Hoxe, Bembrive-Barça nas Travesas.

Por gcdeportes | Compostela | 05/11/2014 | Actualizada ás 09:09

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Santiago Futsal 6:
Iker López, Borja, Pablo Tallón, Santi e Iván Rumbo --cinco inicial-- Lucas Bolo, Chus, Diego Quintela, Gallego e Marci.
Magna Navarra 6: Raúl, Víctor, Tolrá, Carlitos e Dani Saldise --cinco inicial-- Roberto Martil, Javi Saldise, Pablo Ibarra, Javi Eseverri, Jesulito e Mario.
Goles: 1-0: Gallego (12'). 1-1: Roberto Martil (15'). 1-2: Javi Eseverri (18). 2-2:
Gallego (19). 3-2: Pablo Tallón (29). 4-2: Santi (32). 4-3: Eseverri (38). 5-3:
Lucas Bolo (30). 5-4: Jesulito (39). 5-5: Jesulito (39). Prórroga: 5-6: Tolrá (44'). 6-6: Diego Quintela (44'). Penaltis (5-4): 1-0: Diego Quintela. 1-1: Jesulito. 2-1: Lucas Bolo. 2-2: Tolrá. 3-2: Gallego. 3-3: Javi Eseverri. 4-3: Santi. 4-4: Roberto Martil. 5-4: Kike.  
Árbitros: Martínez Torres e Montero Garrido. Amarelas a Gallego, Diego Quintela, Chus e Marcos Vara; expulsaron a Santi Valladares, Rubén Barreiro e o doutor Jesús Marque (corpo técnico) no Santiago Futsal. Amarelas a Jesulito, Javi Eseverri e Mario; e expulsaron a Carlitos e a Víctor no Magna Navarra. Expulsou tamén o speaker do Fontes do Sar.
Incidencias: partido de oitavos de final da Copa do Rei ante 400 persoas no Sar.

Máis de dúas horas e media de futsal. Os corenta minutos, a prórroga e penaltis. E, nas verbas de Santi Valladares, unha actuación “bochornosa” dos árbitros, que amosaron cinco vermellas e nove amarelas. O importante, Santiago Futsal estará nos cuartos de final, onde agarda repetir eliminatoria na casa e que lle toque un grande para levar máis xente ao Fontes do Sar.

O capi Diego Quintela, xa recuperado, coa pelota.
O capi Diego Quintela, xa recuperado, coa pelota. | Fonte: @SantiagoFutsal

Á primeira parte faltoulle ritmo polas moitas faltas e os visitantes levaron o peso do encontro. No minuto 12, o Navarra cometeu a sexta falta e Gallego fixo o 1-0 no dobre penalti. Só cinco minutos despois, Roberto Martil puxo o 1-1. Eseverri marcaría o 1-2 tres minutos despois. Pero na última xogada de ataque, Gallego fixo o 2-2 nun tiro de falta dende 10 metros.

Tralo paso por vestiarios, partido igualado con ocasións pero sen acerto. Foi Pablo Tallón no minuto 29 quen acadaría o 3-2. Chegaban con perigo os locais, e nunha xogada persoal de Gallego, Santi fixo o 4-2. O Magna Navarra apostou polo porteiro-xogador e Javi Eseverri fixo o 4-3 nunha contra a falta de dous minutos. Chegou o 5-3 de Lucas Bolo, pero a falta dun minuto e de 6 segundos, Jesulito acadou a igualada e a prórroga con dous goles.

Nos dez minutos suplementarios, Tolrá adiantou ao Navarra e Diego Quintela fixo o 6-6 cun remate dende dez metros. Iker López evitou a derrota cunha gran parada no dobre penalti. Na tanda decisiva, o Santiago Futsal non errou e Marcos Vara detivo o quinto de Javi Saldise.

O adestrador do Santiago Futsal, que desvelou que o seu equipo adestrara moito os penaltis,  referiuse ao traballo dos árbitros como “bochornoso”. Santi Valladares resaltou o gran traballo dos seus xogadores que “son unha piña por moita caña que lles dean”.

Noutra eliminatoria dos oitavos de final, o Bembrive de Segunda B recibe nas Travesas (21.00 horas) ao FC Barcelona. Encherase o pavillón vigués para ver o campión de Copa, aínda que restan 400 entradas por venderse.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta