Cara onde camiña o PSdeG?

Un deputado que ameaza con ir á xustiza se lle piden que deixe o escano, tres concellos nos que Madrid designará candidato e un ex secretario xeral que continúa mantendo unha postura belixerante coa actual dirección. O camiño actual do PSdeG semella a travesía do deserto que tivo que liderar Emilio Pérez Touriño tras o batacazo electoral de 1997.

Por Xurxo Salgado | A Coruña | 21/11/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Diputados díscolos, ex dirixentes que deixan a formación, ex voceiros parlamentarios que fan oposición interna e unha dirección que actúa con pactos desde arriba que contentan a ben poucos. O PSdeG leva anos dando voltas coma unha peonza sen atopar un camiño claro.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; Gonzalo Caballero; a portavoz no Congreso do PSOE, Adriana Lastra, e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; Gonzalo Caballero; a portavoz no Congreso do PSOE, Adriana Lastra, e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato | Fonte: PSdeG - ANDRES FRAGA

 

Foi en 2005 cando o PSdeG-PSOE acadou o seu teito electoral. Nas eleccións dese ano obtivo 555.000 votos e o 33,65% do apoio do electorado o que lle valeu a Presidencia da Xunta de Galicia. Unha Presidencia que xa tiveran os socialistas entre 1986 e 1989, con González Laxe pero logo dunha polémica moción de censura apoiada polo que entón era o número dous do PPdeG, Xosé Luis Barreiro Rivas.


Eses catro anos de goberno na Xunta foron os de maior proveito para os socialistas e, tamén, os de maior tranquilidade. Desde entón e ata hoxe viven momentos moi convulsos, especialmente, nos últimos tempos, onde o enfrontamento entre a dirección de Valentín González Formoso e o sector de Gonzalo Caballero, ex secretario xeral, semella que non ten cuartel e pode acabar con este histórico partido moi tocado na vindeira cita electoral.

 

Hai quen compara o que está acontecendo no PSdeG-PSOE co que pasou en 1997, cando tamén outro Caballero, Abel, acadou os peores resultados electorais da formación en Galicia ata aquel momento, con 15 deputados e 310.000 votos. Resultados que foron aínda peores co seu sobriño, Gonzalo, con 14 escanos e 252.537 votos.

Gonzalo Caballero eValentín González Formoso
Gonzalo Caballero eValentín González Formoso | Fonte: PSDEG-PSOE.

 

"VOLVEMOS 25 ANOS ATRÁS"

 

"Daqueles pos veñen estas lamas", apunta un histórico dirixente consultado por Galicia Confidencial cando analiza o que está acontecendo no seu partido. "Volvemos 25 anos atrás", di, "e non só en valoración social, senón en métodos e formas de actuar", asegura. "E o que estamos vivindo é responsabilidade da dirección actual, claro, pero provocado pola división que deixou a dirección anterior", reflexiona.

 

E é que moito do que pasa no PSdeG actual non se pode entender sen o enfrontamento xa aberto que ten o sector de Gonzalo Caballero co de Valentín González. "Gonzalo non asumiu a súa derrota e desde entón está enlamando todo", indica un fonte próxima á dirección. "O problema é Lage --secretario de Organización-- que é quen manexa todo o que pasa agora no partido", asegura un concelleiros socialista consultado.

 

O último problema do partido ven desde o Parlamento galego. O deputado Martín Seco, afín a Caballero, desafiou á dirección socialista e anunciou que vai seguir na Cámara autonómica ata que finalice a lexislatura aínda que o expulsen. Alega que, dado que non ve "motivos" para ser expulsado do Grupo Socialista ao entender que non cuestionou directrices da dirección, manterá o seu escano e se os órganos internos non o avalan, irá "á xustiza" para obter "a razón".

 

"AQUÍ HAI QUEN SACA ALGO POR DETRÁS"

Non é o único que baralla a opción da xustiza. Tamén en Narón e en Ribeira estudan as medidas a seguir logo de que A Comisión Federal de Listas do PSOE anunciou que designará os candidatos a estas alcaldías sen pasar por un proceso de primarias.

"Por que se lle permite ao PSdeG apoiar ao goberno de Ribeira e non se permite facelo en Sada, onde suspenderon aos concelleiros, ou en Ourense. Como é que aquí se lles permite votar a favor das adicacións exclusivas e dos orzamentos propostos polo PPdeG?". A pregunta faina o militante socialista Sergio Miranda que denuncia un comportomento antidemocrático da dirección do seu partido para evitar unhas primarias "que perdería quen Lage quere enchufar".

"Cando eu cheguei había 15 militantes, hoxe son 85, quizais por iso se tomara esa decisión", asegura. "Aquí hai outras cousas, igual hai quen saca algo por detrás. Por que se fai isto, que interés hai detrás?", pregúntase este militante en declaracións a Galicia Confidencial. "A ver como queda isto porque vou chegar ata as últimas consecuencias", advirte.

"NINGÉN POR ENCIMA DAS NORMAS"

Sobre esta situación, o secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, non quere pronunciarse. "Xa dixen todo o que tiña que dicir", indica a GC sobre o acontecido en Ribeira e sobre a actitude rebelde do deputado Martín Seco. "No PSOE ninguén está por encima das normas". "Agora o partido ten que escoitar, ver as normas e esperar a que se faga xustiza", resolveu.

Tamén o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, apoiou este luns as declaracións de Lage. "Apoio e comparto absolutamente" a súa intervención, dixo despois de que Lage asegurase tamén que "o partido ten unhas normas e uns procesos e todos temos que respectar a decisión da militancia, a vontade da militancia, cando escolle a unha dirección".

OURENSE

Ás candidturas de Ribeira e Narón terán o mesmo sistema empregado en Ourense para designar candidato a encabezar a lista dos comicios municipais previstos para maio de 2023, que neste caso será o exrexedor Francisco Rodríguez.

Tras coñecerse a decisión, un dos contricantes nas primarias, Rafa Villarino, que tamén é secretario provincial do PSdeG en Ourense, dixo que deixaba a portavocía local e se centrará, a partir de agora, na provincia. "Esa é unha perrogativa excepcional que ten a Federal e que pode executala. A decisión adoptada depende da comisión de listas de Madrid. Só cabe aceptala", di en declaracións a Galicia Confidencial.

"Todo o que tiña que dicir xa o dixen. Eu non vou falar mal do meu partido. Non podo facer outra cousa diferente. Todo pode ser discutible e debatible, pero iso é cuestión do partido", engadiu sobre o que está a acontecer. "Eu decidín apartame como voceiro municipal para que o novo candidato teña as mans libres", sinala ao tempo que aclara que se centrará na provincia xa que acaba de ser elixido nunhas primarias para o cargo. "Non teño ningún motivo de marchar. Teño o respaldo do partido, tanto na cidade de Ourense, como tamén na provincia", asegura.

Sobre a posibilidade de que o novo candidato pacte co PPdeG despois dos comicios amosase sorprendido. "Iso vaino te que dicidir Paco que deu a entender esa posibilidade e agora di acordos, si, pero pactos, non. Non sei que fará. Depende del", di. Hai unhas semanas a dirección galega impedía a posibilidade de que PPdeG e PSdeG, con Villarino á cabeza, chegaran a acordos en Ourense para desaloxar da alcaldía a Gonzalo Jácome. 

En relación á saída de Villarino da portavocía municipal, Lage destaca a "millor disposición de Rafa a colaborar". "É normal que todos os que aspiren a algo pois teñan distintos puntos de vista pero destaco o feito de que Rafa está disposto a colaborar dentro do partido", indicou Lage. 

Haxa ou non colaboración dentro do partido, o feito é que os críticos á actual dirección están agardando aos resultados das vindeiras eleccións municipais para iniciar novas frontes nesta guerra sin cuartel.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 a nosa horta

case prefiro al tejado, na mentras vai rezar ainda podes facer meter a patiña, con Lage nin miccionar podes despistarte

2 Tiburón

Los militantes votamos a Formoso no la Lage. No entiendo que en estos tiempos sigamos con las listas cerradas. Habría que hacer una consulta entre la militancia sobre Lage. No conozco a nadie que hable bien de él. Seguimos...

1 Gamela

Logo non foi Formoso quen puxo a Lage Tuñas no cargo de Organización do PSdG ?

1 Gamela

Lage Tuñas (No Comment) // O PSOE está nervioso porque semella que non hai cargos para todos, nin prebendas para todos, nin comisións para todos... Se non que llo digan a Abel & Carmela que levan 15 anos repartindo soldos Tipo Cuñada e non teñen ningún problema. En Vigo impera a Lei da Omertá (e todos en nómina das Contratas) ! O último condeado a inabilitación por 2 anos vai cobrar 97.000 € por 4 anos e non pasa nada ! O PSOE non cabe en Vigo (son demasiados) pero cando teña algún problema co partido, Abel Caballero fundará o GIL e seguirá Gobernando Marbella ! Agora xa pode decidir quen ten dereitos e quen non... https://twitter.com/zonavigocentro/... Lage Tuñas & Miguel Tellado ¿Con cal te quedas?