Colapso no CHUS: 27 pacientes graves colocados nos corredores, denuncia unha asociación de usuarios

Esta situación teríase producido o pasado venres

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 27/11/2022 | Actualizada ás 12:07

Comparte esta noticia

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS en Santiago denuncia que os servizos de urxencias do hospital están nun estado permanente de colapso. Todos os días da semana o corredor de acceso e a sala de observación están cheos de pacientes en espera de ser atendidos ou agardando por unha cama en planta, afirman.

Pacientes acumulados nos corredores de urxencias do CHUS
Pacientes acumulados nos corredores de urxencias do CHUS | Fonte: Cedida

O día 25 de novembro, tal e como relata a asociación, a situación volveu a ser alarmante. Ás 16:50 horas 27 pacientes graves foron colocados nos corredores de acceso en cadeiras de rodas e padiolas agardando a ser atendidos nos espazos habilitados para elo, e 30 pacientes con ingreso en planta asinado ocupaban os espazos de traballo.

A proporción de pacientes por médico chegou a ser de 18 cando, de acordo cos estándares de calidade, a partir de 11 pacientes/médico a carga de traballo é inabordable para o persoal sanitario producíndose una merma na calidade na atención e un aumento do índice erros. Ás 18:45 horas 18 pacientes aínda seguían colocados nos corredores de acceso, lamentaron.

Así as cousas, este colectivo considera que os pacientes que se colocan nos corredores de acceso están sendo danados no seu dereito fundamental a dignidade e intimidade e corren o risco de padecer episodios de empeoramento da súa situación clínica nun lugar onde non deben estar e no que non é posible unha atención adecuada, demandan.

Mentres afirman que os responsables do servizo e a xerencia seguen banalizando a situación e esquecen que nese corredor producíronse falecemento de persoas que deberon ser atendidas nos lugares destinado para elo. 

Para a asociación, o servizo de urxencias do CHUS está sendo utilizado como almacén de pacientes con incumprimento ao establecido no artigo 52.3 da Lei de Saúde de Galicia que expresamente di que “a atención de urxencia prestarase ao paciente nos casos en que a súa situación clínica obriga a unha atención sanitaria inmediata”. 

Segundo os datos publicados pola xerencia na súa páxina web nas últimas 24 horas nos servizos de urxencias foron atendidas 521 persoas. Mentres o servizo está en estado de colapso permanente, o nivel de ocupación das camas era do 54 %, seguen pechadas 20 camas no hospital Gil Casares e os servizos de atención primaria da área sanitaria soportando unha maior carga de atención con demoras para unha cita presencial entre 4 e 15 días.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta