Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2022 | Actualizada ás 19:10
O Consello da Cultura Galega organiza este luns e martes un simposio que ten como obxectivo profundar no legado do escritor Martín Sarmiento, "un pioneiro en concibir Galicia como país".
No acto deste luns participou o profesor de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Joaquín Álvarez Barrientos, que destacou que a produción de Sarmiento "é tan grande e abarca tantos ámbitos que é un personaxe de talla internacional e comparable a outros eruditos europeos".
Así mesmo, a profesora honoraria de Biblioteconomía e Documentación da Universidade da Coruña, Concepción Varela Orol, subliñou a importancia de Sarmiento, máis aló do campo literario, "na epigrafía ou na historia da medicina". Ademais, apuntou que "todas as historias da literatura española utilizaron os seus textos, pero tamén outras literaturas como a inglesa".
A sesión celebrada este luns finalizou coa intervención do profesor titular da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, Gonzalo Navaza Blanco, que analizou a figura de Sarmiento como o "fundador da toponomástica galega".
A OBRA DE SARMIENTO
No marco do simposio, presentouse o primeiro volume do texto máis destacado de Sarmiento, 'Obra de 660 pregos', composta por cinco tomos. Así, o coordinador, Henrique Monteaguado, indicou que "isto axuda a completar un proxecto que permite pór a disposición pública o pensamento dun dos pioneiros do galeguismo".
O tomo concentra seis millóns e medio de caracteres que funcionan a modo de "enciclopedia laberíntica", nun compendio que o autor definiu como "sacudimientos da mente". Ademais, Monteaguado explicou que Sarmiento "comezou a escribila cando tiña 60 anos e nela falou de todos os asuntos que o preocupaban".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.