Por Galicia Confidencial | Padrón | 16/11/2014 | Actualizada ás 19:21
Unanimidade total. Xoán Báscuas volverá repetir como secretario xeral de Compromiso por Galicia (CxG). E é que o actual líder desta formación obtivo o 100% dos votos no I Congreso Nacional que celebrou en Padrón e no que participaron preto de 400 afiliados.
Nesta xuntanza tamén se escolleu o novo Consello Político Nacional, composto por 30 membros (15 homes e 15 mulleres) e a nova Comisión Executiva Nacional. Durante a xornada, na que se aprobaron os estatutos e o documento político, e coa vista posta nas eleccións municipais, acordouse, logo dun intenso debate, non participar nas Deputacións Provinciais por consideralas “inútiles”.
De igual xeito, acordouse “facer un chamamento aos galeguistas e nacionalistas para conformar unha candidatura unitaria nas vindeiras eleccións xerais". O obxectivo é que "Galicia a e o galeguismo teñan voz nunha máis que previsible reformulación territorial o Estado”, unha necesidade cualificada como “de vital importancia”.
"Ben é certo que vivimos momentos de cansanzo, indignación e carraxe. A situación económica, o desemprego, os recortes, a supresión de servizos sociais non contribúen máis que á crispación e ao discurso incendiario”, dixo Báscuas no seu discurso. E, ante isto, ofreceu «transparencia, igualdade, Estado de Benestar, autogoberno e aire fresco á política. Porque somos quen de facelo”.
Finalmente, o reeleito líder de Compromiso apostou por “centrarse nas eleccións municipais”, unha eleccións, “a pé de obra, con contacto directo, onde non pesan tanto o soporte mediático como as propostas que se fagan en positivo para a mellora da calidade de vida da nosa veciñanza”. Neste sentido, lembrou as primarias abertas que está a realizar Compromiso, “con candidatos non do partido, senón do conxunto da cidadanía, xa escollidos en Ourense, Santiago, Vigo, Pontevedra, A Baña, Samos e Taboadela”. "Non podemos tomar o ceo por asalto, senón facer algo máis ambicioso: contribuír a que a cidadanía galega viva mellor na súa terra, recuperando a democracia fronte a podremia que nos propoñen algúns”, advertiu.
Ao acto de clausura acudiron case 20 asociacións e delegacións representativas do tecido social galego, ademais de representantes do BNG, Anova e Cerna.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.