De Ponte Caldelas a Mondariz por estrada: 47 quilómetros sen poder parar a repostar

Galicia continúa tendo bastantes zonas de sombra no que a estacións de servizo se refire, o que obriga aos condutores galegos a ir con un ollo posto no depósito antes de saír da casa

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 13/12/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os galegos de interior ben saben que ter o depósito do coche na reserva é un luxo que non se poden permitir se queren chegar a destino ou simplemente ás súas casas. Mentres nas cidades se concentra unha grande oferta de gasolineiras para poder elixir o prezo ou a calidade máis convinte, a realidade de moitas zonas do rural é que só hai unha estación de servizo, no mellor dos casos, ou directamente ningunha.

Unha muller pon gasolina ao seu vehículo nunha gasolineira
Unha muller pon gasolina ao seu vehículo nunha gasolineira | Fonte: A. Pérez Meca

A día de hoxe en Galicia aínda abondan as que podemos denominar como 'zonas de sombra de repostaxe', nas que non hai gasolineiras en moitos quilómetros á redonda. Tendo en conta que a orografía da nosa Comunidade é un tanto accidentada, con moitas subidas e baixadas, calcular o combustible que tes para chegar a destino non sempre é tarefa sinxela, así que, se vas a facer unha viaxe longa, mellor previr que curar. Comentámosche algúns dos lugares nos que deberías ter máis coidado.

LESTE DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA, TOCANDO COA DE OURENSE:

Imaxinemos que queremos ir dende Pontevedra ata Covelo, todo marcharía ben pola PO-532 ata Ponte Caldelas, pero neste concello non te esquezas de repostar, polo teu ben. E é que se dende ahí baixamos pola estrada autonómica complementaria que nos leva ata Fornelos de Montes (a 10 quilómetros de Ponte Caldelas) e de aí a Covelo (a 25 quilómetros), pasariamos nada menos que 35 quilómetros en marcha sen atopar nin unha soa estación de servizo.

Unha vez en Covelo, para poder encher depósito, aínda teriamos que seguir avanzando ata Mondariz, na N-120, outros 12 quilómetros. É dicir, dende Ponte Caldelas ata Mondariz serían 47 quilómetros (case a distancia que separa Santiago de Vilagarcía de Arousa) sen gota de combustible á vista. Tendo en conta que un litro de gasoil fai aproximadamente entre 12 ou 14 quilómetros, alo menos asegúrate de levar no depósito 4 litros para poder chegar.

Mapa das estacións de servizo da Mariña lucense
Mapa das estacións de servizo da Mariña lucense | Fonte: Geoportal Gasolineras

Ademais, non creas que en Ponte Caldelas e en Mondariz terás moitas opcións de repostaxe, pois tan só poderás acudir ás dúas Repsol que hai. E xa se sabe que Repsol non é que sexa precisamente barata...

O mesmo sucedería se quixésemos ir dende Ponte Caldelas ata o municipio da Lama, pois tampouco habería polo camiño ningunha estación de servizo á nosa disposición. Iso si, neste caso a distancia non sería tan acusada: 6,8 quilómetros, pero que se convirten en 13,6, pois ir é importante, pero non menos o é volver.

SUR DO MACIZO CENTRAL, NA PROVINCIA DE OURENSE: 

Continuemos cun repaso da provincia de Ourense, onde sabemos que hai deceas de pequenos municipios que baixan dos mil habitantes e que se atopan moi desatendidos no que a servizos se refire. No tocante ás gasolineiras, é a zona que baixa do Macizo Central e conecta con Portugal a máis despoboada. Recomendámosche que se queres viaxar seguro sen estar pendente do depósito, non te saias da A-52 ou da N-525.

Poñamos que estamos en Verín e que dende aí queremos subir por Monterrei para chegar a Laza ou a Castrelo do Val. Non atoparemos no camiño ningunha estación para repostar, e son moitos kilómetros sen combustible. De Verín a Monterrei serían 4,9 e se hai que volver a Verín xa serían 9,8. 

Pero é que de Verín a Laza serían 18 quilómetros, que se elevarían a 36 para poder volver á cidade, unha distancia para a que se precisan ter alo menos 3 litros de combustible dispoñibles (dos aproximadamente 50 que caben no vehículo). Por outra banda, recordar que en Verín tampouco hai variedade de estacións de servizo, de novo habería que acudir a Repsol. 

Montederramo, Chandrexa de Queixa ou Vilariño de Conso son outros dos pequenos concellos ourensáns que non teñen gasolineiras á súa disposición. Ao igual que lle sucede a Celanova ou Vilar de Santos, así como a Rairiz de Veiga, entre outros moitos.

Agora fagamos outra suposición: queremos ir dende Xinzo de Limia ata Bande. Isto nos obrigaría a percorrer sin gasolineiras dende Xinzo nada menos que 27 quilómetros. Para volver xa serían 54, polo que vai con alo menos 5 litros repostados, é dicir, a reserva chea. Outro exemplo de ruta de sombra sería ir de Xinzo a Vilar de Barrio (16 quilómetros), aos Blanco (9,8 quilómetros) ou a Baltar (16 quilómetros).

A CORUÑA TOCANDO COA MARIÑA LUCENSE:

Dentro das catro provincias galegas, poderiamos afirmar que é a da Coruña a que se atopa mellor provista de combustible, cunha rede de estacións bastante diversificada, mais aínda con todo hai zonas que se escapan, pois igual non compensan ás propietarias das instalacións. Unha delas é a que une o concello das Pontes de García Rodríguez cos municipios da Mariña lucense. 

Se optamos por circular dende As Pontes ata Viveiro, por exemplo, pola AC-861, máis nos vale estar alerta e repostar previamente nalgunha das dúas estacións de Repsol que hai nas concello coruñés. Senón haberá que esperar ata chegar a Viveiro para facelo, e iso son moitos kilómetros.

Concretamente, falamos de 47 kilómetros sen poder repostar. Pero pode ser peor, se o único que queremos é chegar ata Ourol e retornar ás Pontes, pois os 32 quilómetros que separan ambas localidades convertiríanse en 64 (a distancia que separa Santiago de Pontevedra, por poñer un exemplo), polo que igual nos vemos obrigados a facer uns quince quilómetros máis se vamos moi apurados de combustible para subir a encher o depósito a Viveiro.

Por outra banda, xa unha vez en Viveiro, máis nos vale viaxar pegadiños á costa lucense, pois as redes autonómicas de estradas ou as estradas complementarias que unen estas zonas con, por exemplo, o concello de Mondoñedo, non teñen máis que unha Cepsa polo medio, no municipio de Alfoz. Pero é que de Viveiro a Alfoz xa hai 35 quilómetros, nada menos.

Así mesmo, e aínda que ben é certo que hai estacións de servicio en prácticamente todos os municipios da Mariña lucense superior, hai un que supón a excepción: O Vicedo, situado entre Ortigueira e Viveiro, collendo a AC-862, onde non hai zona de respostaxe. Estamos a falar de 34 quilómetros sen poder botar combustible.

Mapa das estacións de servizo do leste de Pontevedra
Mapa das estacións de servizo do leste de Pontevedra | Fonte: Geoportal Gasolineras
Mapa das estacións de servizo do sur de Ourense
Mapa das estacións de servizo do sur de Ourense | Fonte: Geoportal Gasolineras
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta