Pontón afirma que "o BNG está forte" para as municipais e confía en que será a formación "que máis suba"

A portavoz do Bloque destaca que Galicia "necesita máis BNG" nos concellos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2022 | Actualizada ás 15:51

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou que a formación nacionalista "está forte" para a cita electoral do próximo 28 de maio de 2023 e confiou en que "será a forza que máis suba", porque Galicia "necesita máis BNG" nos concellos.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón | Fonte: BNG

"Demostramos con feitos, a través dos seus gobernos locais, a súa capacidade para mellorar a vida das persoas e xerar dinamismo económico e social", salientou Pontón, que este sábado acudiu a Maceda e Vilar de Santos no marco da rolda polos concellos antes das eleccións do próximo ano.

"O BNG está forte para estas eleccións municipais e estou convencida de que será a forza política que máis suba nestes comicios, porque o que precisa Galicia é máis BNG nos concellos", salientou Pontón, quen sostén esta previsión sobre a "exitosa capacidade de xestión e de transformación en positivo demostrada polos gobernos liderados polo Bloque".

"Demostramos con feitos que os gobernos municipais son capaces de mellorar a vida das persoas, de xerar dinamismo económico, cohesión social, que apostan pola nosa lingua e cultura, en definitiva, que son a mellor garantía de avance e progreso", salientou.

E "precisamente nunha provincia como Ourense", agregou, "pode verse o contraste entre as políticas do Bloque e as do PP" e observarse "a regresión" e as fórmulas "non precisamente democrática, senón caciquiis, do PP", fronte ao "avance" de concellos como Allariz, Baños de Molgas, Vilar de Barrio ou Vilar de Santos, "que son concellos con dinamismo, transparentes e democráticos", dixo.

O BNG, destacou, é "a alternativa ao PP, unha alternativa que está forte, que crece e que vai ir a por todas nas próximas eleccións municipais". "Non nos pomos teito porque sabemos que temos o mellor proxecto para Galicia, imos a por todas coa máxima ilusión", salientou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta