Máis de 100 incidencias en Galicia polo forte temporal, ca provincia de Pontevedra como a máis afectada

Houbo ventos superiores aos 130 quilómetros por hora e ondas na costa de case catro metros de altura

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2022 | Actualizada ás 10:10

Comparte esta noticia

O temporal deixou este martes en Galicia un centenar de incidencias, ventos superiores aos 130 quilómetros por hora e ondas na costa de case catro metros de altura. Segundo informou o 112 Galicia, entre as 00,00 e as 08,00 horas, rexistráronse un total de 122 incidencias por mor das fortes choivas que afectan á comunidade galega.

Pontevedra foi a provincia máis castigada pola intensidade das precipitacións, con 82 incidencias rexistradas, seguida das provincias da Coruña (23), Ourense (13) e Lugo (4). As incidencias máis comúns, un total de 33, estiveron relacionadas con riscos de alagamentos e inundacións en vivendas.

Pola súa banda, as alertas relacionadas con obstáculos á circulación tales como terra e pedras foron 26, os alagamentos en estradas, con 19, tamén foron frecuentes ao longo da noite. Así mesmo, o 112 Galicia rexistrou ata 16 avisos por bolsas de auga nas estradas da comunidade.

PROVINCIA MÁIS AFECTADA

Pontevedra foi este martes a provincia máis afectada polas fortes precipitacións en Galicia, cun total de 82 incidencias. De entre todas elas destaca a intervención que os Bombeiros de Vigo tiveron que realizar pasadas as 06,30 horas nas proximidades do estadio de Balaídos para evacuar á xente que se atopaba atrapada nun autobús de transporte público da cidade que se internou nunha zona alagada da que non podía saír.

Ademais, en Mondariz, o desbordamento do río Tea provocou a inundación dalgunhas das casas da zona. Os Bombeiros de Ponteareas tiveron que achegarse ata unha das vivendas do lugar, de dous pisos de altura, posto que había unha persoa dentro que, nun principio, non podía saír. Finalmente, comprobaron que non tiña dificultades para abandonar a vivenda polo que se retiraron sen ter que intervir.

Tal e como informou o 112 Galicia, outra incidencia repetida foi a inundación de sotos e garaxes aínda que non houbo que lamentar danos persoais. Precisamente, en Gondomar, o 112 recibía pouco antes das 06,00 horas un aviso por un garaxe no que había preto dunha decena de vehículos alagados.

Así mesmo, desde o 112 sinalaron que en parte da provincia de Pontevedra permanece activo un "episodio meteorolóxico adverso por fortes choivas", polo que se lembra que é importante extremar as precaucións.

Un home cun paraugas camiña polo paseo marítimo da Coruña cun paraugas para protexerse da chuvia en pleno temporal e borrasca
Un home cun paraugas camiña polo paseo marítimo da Coruña cun paraugas para protexerse da chuvia en pleno temporal e borrasca | Fonte: S. M. Dylan - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta