Salvamento de centolas: 60 quilos incautados en Marín foron devoltos ao mar

Axentes da xefatura da Policía Autonómica en Pontevedra localizáronos nun dispositivo de control e rastrexo de produtos pesqueiros desenvolvido no porto de Aguete, en colaboración co Servizo de Gardacostas de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 22/12/2022 | Actualizada ás 15:24

Comparte esta noticia

Axentes da xefatura da Policía Autonómica en Pontevedra incautaron esta semana 63,5 quilos de centola no marco dun dispositivo de control e rastrexo de produtos pesqueiros desenvolvido no porto de Aguete, en Marín, en colaboración co Servizo de Gardacostas de Galicia.

Tal e como detallan nun comunicado, os policías detectaron unha embarcación da que se descargaban produtos pesqueiros e se introducían no interior dun vehículo. Ao inspeccionalo, localizaron no maleteiro catro cestos coas centolas e, dado que o condutor e patrón da embarcación carecía de documentación de transporte de mercadorías, procederon ao seu comiso.

Tamén levantaron acta de denuncia por diferentes infraccións á Lei de Pesca de Galicia, como o exceso de peso de captura establecido para a embarcación, a descarga dos produtos pesqueiros nun porto non autorizado, e o transporte de mercadoría sen documento e nun vehículo non autorizado.

Informaron ademais de que todas as centolas comisadas, ao estar vivas, foron devoltas ao mar da zona.

Centola comisada pola Policía Autonómica en Marín
Centola comisada pola Policía Autonómica en Marín | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta