Por que non hai neve en Galicia este Nadal?

Aínda que o pareza, non está habendo máis chuvias do normal, o que sucede é que outros anos foron demasiado secos para o que é habitual no clima galego.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 25/12/2022 | Actualizada ás 10:15

Comparte esta noticia

Cun outono pasado por moita auga e un inverno que comeza da mesma forma, os galegos e as galegas xa non saben onde meterse para desfrutar do seu ocio. Os centros comerciais e as galerías convírtense no mellor lugar para buscar refuxio este Nadal que, segundo apuntan as previsións, tamén será chuvioso. Así a cousas, os que soían aproveitar estas datas para ir esquiar ou levar os nenos á neve pregúntanse: onde vai este ano?

Un can xoga cun gorro no medio da neve, a 27 de novembro de 2021, en Pedrafita do Cebreiro
Un can xoga cun gorro no medio da neve, a 27 de novembro de 2021, en Pedrafita do Cebreiro | Fonte: Carlos Castro

Dende Galicia Confidencial queremosvos resolver esa dúbida, xa que nós tamén a temos, así que preguntamos a quen verdadeiramente sabe deste tema, David Domínguez, de RedMeteo. "De momento, a neve nin está nin se lle espera", móstrase taxante. De feito, "a tendencia que se ve mínimo ata final de ano é de temperaturas suaves, con algunhas xeadas algúns días, pero con predominancia do vento de suroeste", apunta.

E que é iso do vento de suroeste? Pois trátase dun vento que, tal e como di David, "eleva as temperaturas porque trae con el masas de aire máis temperado". Tamén é o responsable de que "as temperaturas estén a ser máis cálidas do habitual". A estas alturas do ano, tan só "houbo algúns días de xeadas, especialmente a comezos de decembro, pero nada destacable nin duradeiro". Eses días "os termómetros baixaron dos cero graos nas zonas habituais do interior, polo que non deixa de ser algo normal".

Pero chover si que está chovendo máis do que estamos acostumados... Ou non? "Para nada foi este outono unha excepción, o que pasa é que vimos de anos nos que o outono apenas se presentaba como tal, chovía moito menos do habitual e as temperaturas eran máis cálidas do normal". Así as cousas, este ano "as chuvias volveron estar presentes, con cantidades elevadas, especialmente no oeste de Galicia".

E vaia que se foron elevadas, tanto que as enchentes dos ríos acabaron por dar lugar a desbordamentos. Con todo, David sinala que "se chove moito en pouco tempo é normal que se produzan inundacións". Por exemplo, o visto estes días en Vilagarcía de Arousa "é algo habitual cando cae moita auga en pouco tempo". Ademais, "a carón dos ríos temos leiras anegadas, claro, pero sucede o mesmo, é normal se van desbordados, non é que haxa máis inundacións que de costume".

"ESTE É UN OUTONO NORMAL GALEGO"

Deste xeito, o experto asegura que este outono non estivo sucedendo nada anormal no tempo, máis aló de temperaturas un pouco elevadas, algo tamén habitual como consecuencia das chuvias. "Este é un outono normal galego, se acaso falta máis frío, pero os temporais, as enchentes dos ríos e as chuvias intensas son algo moi normal nesta zona por esta época do ano", explica David, que incide en que "o que pasa é que vimos dun periodo de moita menos auga e ao mellor a sensación que temos é que está chovendo moito máis do habitual".

"Está chovendo, si, seguramente o ano mesmo pode acabar máis húmido do habitual en zonas de costa", mais iso non é necesariamente algo malo, segundo indica, pois "quen diría que despois do verán seco que tivemos chegaría a chuvia, este tipo de chuvias, que son o máis normal do mundo en Galicia". 

E si, escoitáchedes ben: este Nadal paraugas como complemento obrigado para calquer conxunto que queirades poñervos, pois "na Noiteboa e no Nadal, especialmente na Noiteboa, teremos chuvias". A partir de ahí, "poderemos ter un pequeno respiro duns tres días máis ou menos", pero cara Fin de Ano, "as chuvias poderían voltar". "Non é nada seguro, porque quedan días aínda, pero a día de hoxe é o que se ve", afirma este meteorólogo. Crucemos os dedos para que as previsións non se cumpran e muden. 

Finalmente, e volvendo ao tema da neve... "Queda moito inverno por diante e pode pasar de todo, así que non se pode descartar que cheguen episodios fríos e, con eles, a neve", conclúe David. A ver se o fai máis pronto que tarde para polo menos atoparlle algo bo a este tempo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta