Miguel Ángel Santalices: "Observamos algunhas escenas no Congreso que non son propias do parlamentarismo"

Mostrouse "moi satisfeito" coa transición na presidencia da Xunta de Galicia tras abandonar Núñez Feijóo o cargo para presidir o PP a nivel nacional; un proceso que cualificou de "exemplar" e co que Alfonso Rueda se converteu no lider do Executivo galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/01/2023 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, mostrouse "moi satisfeito" coa transición na presidencia da Xunta de Galicia tras abandonar Núñez Feijóo o cargo para presidir o PP a nivel nacional; un proceso que cualificou de "exemplar" e co que Alfonso Rueda se converteu no lider do Executivo galego.

Nunha entrevista concedida este domingo a Radio Nacional de Galicia e recollida por Europa Press, Santalices recoñece que a substitución non era "previsible", pero insiste na súa "exemplaridade" tanto no proceso como na posta en marcha.

Lembra tamén con agarimo as cartas que o expresidente Feijóo entregou no rexistro oficial da Cámara galega, cun parágrafo no que, "resumidamente, destaca que o máis importante é servir a Galicia, independentemente de onde se estea".

Insiste en que non se produciron "saídas de ton", co que se deu unha imaxe e transmitiuse á cidadanía "unha seguridade de que as cousas se poden facer de forma pausada e reflexiva, e exemplar".

Respecto de Rueda, considera o presidente do Parlamento que agora xa goza dun nivel de coñecemento "moi elevado" e que foi "moi sincero e claro á hora de exporse como é e o que quere para Galicia e esa mensaxe calou na sociedade".

Tamén se mostra orgulloso Santalices do nivel de debate no Parlamento, "profundo pero respectuoso". "Non hai saídas de ton, nin insultos. Percibo confrontación de ideas, pero sempre desde o respecto. Aínda que haxa momentos máis tensos, sempre se busca o acordo", sinalou.

Con todo, comparte as reflexións da presidenta do Congreso dos Deputados, Meritxell Batet. "Observamos algunhas escenas no Congreso que non son propias do que é realmente o parlamentarismo, que raian co insulto persoal e que creo que non deben producirse. A noticia non ten que estar na crispación, senón nas medidas que se toman. Iso crea máis desafección pola política entre a sociedade. Debemos esforzarnos porque haxa concordia", defende.

Por último, en canto á súa defensa e recordo desde a Cámara galega de personaxes como Carlos Casares, Santalices recoñece que se sinte galeguista. "Galicia, neste seno, é moi dada a esquecer aos grandes homes da súa historia, por iso tento lembrar aos que fixeron un esforzo sobrehumán para que teñamos o que temos hoxe, como o Estatuto de Autonomía", lembrou.

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, no hemiciclo
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, no hemiciclo | Fonte: PARLAMENTO DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta