Esta é a historia dun paciente que pasou 48 horas nun box de Urxencias do CHUS

Produciuse un novo colapso dos servizos de urxencias o pasado día 7 de xaneiro, con 20 pacientes aparcados nos corredores

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2023 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS tivo coñecemento dun novo colapso dos servizos de urxencias o pasado día 7 de xaneiro. Ás 16:00 horas 13 pacientes graves permanecían, en padiolas e cadeiras de rodas, nos corredores de acceso do servizo “sufrindo o deterioro do seu estado de saúde e soportando a vulneración do seu dereito fundamental a intimidade e dignidade”. Ao longo da tarde  os  pacientes  aparcados  nos  corredores  chegou  ao número  de 20.

Colapso nas Urxencias do CHUS
Colapso nas Urxencias do CHUS | Fonte: Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS

A pesares desta situación e das advertencias do persoal sanitario aos responsables do  servizo, 19  pacientes, co ingreso en planta asinado, estaban ocupando os espazos de traballo e 8 padiolas da zona de atención estaban sen ocupar por falta de persoal sanitario asignado. A Asociación é coñecedora de que a proporción de pacientes por médico está chegando a ser de 18 cando, de acordo cos estándares de calidade, a partir de 11 pacientes/médico a carga de traballo é inabordable para o persoal sanitario producíndose una minoración na calidade na atención e un aumento do índice erros. Pois ben, a filla de A.G.T., un dos pacientes que desde ese día aínda permanece no servizo, remitiulle á Asociación o seguinte testemuño:

“O pasado sábado 7 de xaneiro meu pai chegou a urxencias en ambulancia por perda de  coñecemento. A hora de chegada foi arredor das 5 da tarde, permanecendo colocado nunha padiola no corredor de acceso 3 horas e media ata poder pasar a un box. Hoxe, luns dia 9 de xaneiro, pasamos a planta despois de estar nun box mais de 48 horas.”

A Asociación sinala que, ao igual que A.G.T., todos os pacientes que acoden en busca de  atención urxente, "sistematicamente e como norma  non  escrita”, son colocados nos corredores de acceso a pesar de que son coñecedores de que os valedores do pobo da gran maioría das comunidades autónomas, e entre eles o da CA  de Galicia, manifestaron  por escrito que é unha práctica que vulnera o dereito fundamental a intimidade e a dignidade.

Denuncia que resulta “intolerable” que unha unidade que “mantén niveis tan baixos de eficiencia asistencial  e  que  non  preserva  os  dereitos  fundamentais  dos  pacientes”, teña padiolas en boxes sen empregar por non ter persoal sanitario asignado, ou que sega con demoras superiores ás 24 horas na sala de observación porque “non se poñen en funcionamento todas as camas hospitalarias dispoñibles”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta