Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2023 | Actualizada ás 13:40
O presidente do PP de Pontevedra, Rafa Domíguez, lamentou o "sufrimento de centos de familias" que "ven o seu traballo perigar" xunto coa prórroga da concesión de Ence, sobre cuxa legalidade debaterá o próximo 7 de febreiro o Tribunal Supremo.
"O meu desexo é que todas as familias poidan manter os seus postos de traballo", dixo Domínguez, que asegurou que non pode "nin imaxinar" o "sufrimento" dos afectados por esta cuestión, que ven como "un recurso inxusto do alcalde, utilizando ferramentas e medios municipais, pode xerar unha perda de emprego masiva" na cidade.
Domínguez fixo estas declaracións ante a estación meteorolóxica instalada en Campolongo, que toma mostras de aire da cidade de maneira continua. Fíxoo xa que, esta mesma semana, a portavoz nacionalista Ana Pontón e o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, fixeron referencia aos datos desta instalación para avalar a estratexia de mobilidade da cidade.
"Ninguén entende que o BNG sosteña que temos os mellores datos nacionais en canto a calidade do aire, cando acto seguido cargan contra Ence por contaminar. Pido que se poñan de acordo, Ence contamina ou non? Pido rigor ao BNG, e aínda máis nestas datas, cando centos de familias que traballan nesta factoría ven o seu futuro máis próximo perigar", dixo o presidente popular provincial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.