Científicos piden diminuír a contaminación electromagnética causada polos móbiles

As últimas conclusións proceden das conclusións do Servizo de Investigación do Parlamento Europeo (EPRS).

Por Galicia Confidencial | Santiago | 15/01/2023 | Actualizada ás 13:54

Comparte esta noticia

A Federación Galega de Ecoloxistas en Acción pide seguir os novos consellos sobre protección no uso da telefonía móbil. Estas recomendacións veñen da Sociedad Española de Protección Radiológica (SEPR), e demandan minimizar a exposición a emisións electromagnéticas. Segundo a SEPR, a maioría de voces expertas recomendan manter unha actitude prudente no uso dos teléfonos móbiles por parte dos menores e de persoas potencialmente vulnerables.

Usuarios de teléfonos móbiles
Usuarios de teléfonos móbiles

Ecoloxistas en Acción solicita ás  administracións sanitarias e educativas  difundir estes consellos. As recomendacións coinciden e complementa as facilitadas por outras sociedades científicas de radioprotección, axencias sanitarias gobernamentais de diferentes países e colexios médicos europeos.

A SEPR, sección española da IRPA (Asociación Internacional de Protección Radiolóxica), sinala nos seus consellos que os móbiles “poderían ter efectos non desexados nalgunhas persoas debido á exposición á radiación electromagnética”. Recoñece que os límites normativos de exposición actuais non atenden aos indicios de efectos nocivos potenciais en persoas sensibles ou vulnerables, en “exposición prolongada ou repetida a intensidades subtérmicas”.

Para chegar a esas conclusións, a SERP alude á recente revisión ampliada e actualizada da evidencia científica, dos riscos canceríxenos, reprodutivos e do desenvolvemento, do Servizo de Investigación do Parlamento Europeo (EPRS). Esta revisión conclúe que esas radiacións “son probablemente canceríxenas para humanos, afectan claramente á fertilidade masculina e posiblemente afectan á fertilidade feminina”. Ademais, “poden ter posibles efectos adversos no desenvolvemento de embrións, fetos e recentemente nados”.

MINIMIZAR A CONTAMINACIÓN ELECTROMAGNÉTICA

A SEPR aconsella á poboación xeral unha serie de medidas, entre outras: non aproximar o teléfono á cabeza (usar altofalante ou mans libres, primar mensaxes de texto e voz); aproximalo só coa conexión establecida e cambialo de oído; limitar o número e duración de chamadas; evitar o contacto directo do móbil co corpo (non levalo no cinto ou petos do pantalón ou camisa); evitar as chamadas telefónicas ao viaxar; evitar chamadas con mala cobertura (ascensores); poñelo en modo avión cando non se chame; non usar accesorios e fundas que bloqueen a emisión; afastar o teléfono durante o sono ou desconectalo (en modo avión e sen wifi).

No caso de nenas e nenos, a SEPR lembra a súa maior vulnerabilidade e solicita supervisar e limitar o uso de teléfonos móbiles. En caso de necesidade, aconsella facilitarlles un dispositivo deshabilitado cos contidos previamente cargados.

Así mesmo, remite ás recomendacións de diversas axencias gobernamentais responsables da protección da saúde infantil, e organismos como a Academia Estadounidense de Pediatría (AAP): «evitar a exposición dos nenos a teléfonos celulares e outros dispositivos que emiten radiación electromagnética” e “atrasar o uso de teléfonos móbiles para nenos, se é posible ata a idade de 14 anos”.

MINIMIZAR CONTAMINACIÓN WIFI

A SEPR desaconsella permanecer tempo na proximidade do enrutador e recomenda apagalo cando non se usa. Outras entidades da IRPA, como as 17 sociedades científicas de protección radiolóxica iberoamericanas incluídas na CIPRACEM, ou axencias estatais como o Comité Nacional Ruso de Protección Contra as Radiacións Non Ionizantes, aconsellan primar a conexión por cable (evitando o wifi, especialmente no ámbito educativo) e incluso, no caso da CIPRACEM, apostan por un acceso á conexión por cable en lugares públicos, prazas e avenidas (conectores RJ-45).

Os consellos da SEPR, presentados no Congreso Iberoamericano de Magnetobioloxía en Madrid (novembro de 2022), coinciden e complementan os das sociedades científicas de radioprotección mencionadas, colexios médicos europeos (como na Declaración de Nikosia) e numerosas axencias sanitarias de diferentes países, na líña solicitada pola Resolución 1815 da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa.

A SEPR indica que “os efectos das ondas milimétricas utilizadas en telefonía 5G aínda están pouco estudados”. Ecoloxistas en Acción expón que, por este motivo, o Servizo de Investigación do Parlamento Europeo (EPRS) xa solicitou en 2021 unha moratoria das Ondas Milimétricas do 5G no seu estudo sobre 5G e saúde. Así mesmo, Julio Carmona,  voceiro da federación ecoloxista, lembra que dita proposta de moratoria está recollida na Iniciativa Cidadá Europea STOP 5G, desenvolvéndose actualmente, e en mocións municipais como a aprobada recentemente en Valdemorillo.

Ecoloxistas en Acción presentou no 2022, xunto coa Federación de ANPAS de Redondela, a súa campaña de escola saudábel. Dende dita campaña solicita ás Consellarías implicadas e ás administracións locais e provinciais  que atendan a estas alertas científicas e difundan estes consellos proteccionistas da SEPR (e aqueles que os complementan) no ámbito dos dispositivos sen fíos e electrónicos en xeral. “Necesitamos camiñar cara un uso autorregulado da tecnoloxía dixital que sexa sobrio, biocompatíbel, decrecentista, anticonsumista, crítico e ético”, conclúe Carmona.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta