Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2023 | Actualizada ás 16:55
O home de 33 anos acusado de tres delitos de homicidio por imprudencia grave por causar un accidente no que morreron unha nai e os seus dous fillos mentres conducía ebrio asegurou non lembrar nada do sucedido na noite do 19 de marzo.
"Non sei que me puido pasar, se me deu un baixón ou que", declarou Alfredo L. ante a sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, onde se iniciou este martes o xuízo contra este home, ao que piden 5 anos de cárcere como resposnable dun accidente rexistrado en marzo de 2021 en Salceda de Caselas.
O procesado dixo que "estaba ben" e que non lembra nada do sucedido, nin de coller o coche nin se chegou a pedir a alguén no bar onde se atopaba se podía levalo a casa por non estar en condicións para conducir.
Polo contrario, si lembraba que, despois do accidente, no hospital pediu ao seu pai "que fixese todo o posible co seguro" para que "tentase chegar a un acordo".
CINCO ANOS DE CÁRCERE
A fiscal solicita que sexa condenado a cinco anos de prisión e a perda definitiva do permiso para conducir. O relato dos axentes da Garda Civil que testificaron durante a vista oral sostén que o acusado conduciu o seu Renault Megane pola estrada PO-510 (Porriño-Salceda de Caselas), tras consumir bebidas alcohólicas en catro bares "en cantidade que minguaba a súa capacidade de realizar unha condución adecuada e segura".
Segundo concluíu o Ministerio Público en base aos informes periciais, o acusado conduciu o seu vehículo a unha "velocidade excesiva e inadecuada para o seu estado e a vía", alcanzando, polo menos, unha velocidade de 128 km/h.
Por iso, ao chegar unha lixeira curva mantivo unha traxectoria recta. O coche do acusado atravesou os dous carrís de circulación sentido O Porriño e invadiu o carril destinado á circulación sentido Salceda de Caselas, polo que nese momento circulaba o vehículo Citroën C4 que conducía unha muller de 38 anos que viaxaba cos seus fillos de 13 e 6, todos eles veciños de Salvaterra do Miño.
O equipo de expertos da Garda Civil que reconstruíu o accidente explicou que, como consecuencia desa invasión, a condutora do Citroën tentou unha manobra evasiva cara á esquerda para evitar a colisión, un movemento que era "correcto" para tratar de esquivar a arremetida pero que non logrou facela a tempo
Debido á violencia do impacto frontal entre os dous coches, os tres ocupantes do Citroën faleceron no mesmo lugar do accidente, a pesar de que todos levaban posto do cinto de seguridade (o pequeno ademais unha cadeira homologada) e a que funcionaron os sistemas activos de protección do vehículo.
TESTEMUÑO DA FAMILIA
O viúvo e pai dos dous menores falecidos testificou durante a vista, na que, visiblemente emocionado, afirmou que nese accidente perdeuno " todo".
Di estar sumido nunha depresión e mudarse definitivamente de España. "Non teño ningún motivo para vivir", dixo este home, que tiñan tres negocios que foron liquidados "a perdas" porque se viu "incapaz de sacalos adiante".
O pai e os tres irmáns da nai de 39 anos que faleceu xunto aos seus fillos de 13 e 6 anos relataron ante o tribunal a traxedia familiar que viven desde aquel fatídico día. "Levamos todo este tempo sen ser a familia que eramos. Nada na vida prepárache para ver tres caixas colocadas de maior a menor", aseguraron.
PIDEN MÁIS PENA
A familia exerce a acusación particular e pide unha condena de nove anos de prisión para o acusado e lamentan que a Fiscalía se limite a solicitar 5 anos de condena. Segundo argumentaron, en España hai sentenzas condenatorias con penas superiores aos 10 anos por sucesos similares e con menos vítimas.
A familia teme "unha condena pequena que non axude a pasar páxina" senón que "aumente a nosa situación de rabia e impotencia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.