As audiencias de Pontevedra e de Ourense rebaixan un ano as penas a dous condenados por delitos sexuais

Coas decisións que transcenderon (un total de 54) ata este mércores, Galicia rexistra 30 reducións de penas tras a entrada en vigor da nova lei

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 25/01/2023 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra e a sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense rebaixaron un ano as penas impostas a dous condenados por abusos sexuais debido á aplicación da nova lei do 'só si é si'.

En concreto, a Audiencia de Pontevedra reduciu de dez a nove anos de cárcere a pena imposta a un condenado por abusar sexualmente da filla da súa parella. No auto, difundido polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), explícase que, no seu momento, tendo en conta as circunstancias para a individualización da pena, entre elas a atenuante de confesión, optouse pola imposición da mínima prevista na súa metade superior. Ese mínimo, tras a entrada en vigor da nova lei, agora é de nove anos, polo que os maxistrados acordaron a revisión da condena.

Pola súa banda, a sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense revisou á baixa tamén a pena de oito anos e medio de prisión imposta a un home por agredir sexualmente a unha muller no baño dun pub. Agora terá que cumprir sete anos e medio de cárcere.

O tribunal explica que no seu momento ao acusado impúxoselle a pena na súa metade inferior, isto é, de seis a nove anos de prisión. Coa nova redacción, a pena sería de 4 a 8 anos, polo que entende que "se fai necesario revisar a sentenza, considerando a nova norma máis beneficiosa para o reo". Contra ambos os autos cabe presentar recurso.

Estes dous novos casos de rebaixas de penas en Galicia únense ao coñecido precisamente tamén este mércores acordado pola Audiencia provincial de Santiago, que reduciu seis meses de cárcere a un pai que abusou da súa filla.

En total, coas decisións que transcenderon (un total de 54) ata este mércores, Galicia rexistra 30 reducións de penas tras a entrada en vigor da nova lei, mentres que outras 24 foron rexeitas, aínda que non transcenden desde as audiencias todas as peticións, tal e como aclararon fontes do TSXG.

Audiencia Provincial de Pontevedra
Audiencia Provincial de Pontevedra | Fonte: Confilegal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta