Pontón vende o modelo de Allariz e Pontevedra e di que o BNG será a "única forza que suba nas municipais"

Asegura que o PP, "instalado na rutina e subordinado a Xénova", afronta o seu fin de ciclo en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2023 | Actualizada ás 16:33

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que o Partido Popular instalouse "na rutina", "sen ser capaz de ofrecer un proxecto de país", e "subordinado ás directrices de Xénova, defendendo a axenda de Madrid e non os intereses dos galegos". É por este motivo que considera que os populares afrontan en Galicia o seu "fin de ciclo", para o que a alternativa é o BNG. Neste sentido, amosouse convencida que o Bloque será a "única forza que suba nas municipais".

"O PP non quere escoitar ningunha proposta que non veña das filas do PP. As súas receitas xeran cada vez un maior colapso e non só na sanidade, no ámbito económico Galicia vai a menos. E non é que Galicia non teña capacidade para saír adiante, senón que as políticas do PP déixannos atrás", sinalou Pontón nunha entrevista concedida a Radio Nacional Galicia este domingo e recollida por Europa Press.

Sobre isto, puxo como exemplo o IPC, "maior en Galicia que no resto do Estado, a pesar de ter un salario menor" ou o índice industrial, "que tamén baixa, a pesar de incrementarse no Estado". Apunta ademais que Galicia perde traballadores, tamén autónomos.

Ana Pontón mostrouse moi preocupada pola crise de prezos e a situación da sanidade pública, "ao límite". "Levamos 13 anos sufrindo recortes e privatizacións, con listas de espera de meses para o médico de cabeceira, coas urxencias colapsadas, con nenos que nacen e non teñen pediatra asignado", criticou.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa este luns
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa este luns | Fonte: Europa Press

"BARRA LIBRE PARA As EÓLICAS"

Por outra banda, Ana Pontón tamén abordou a evolución dos proxectos eólicos en Galicia, respecto do que aseverou que as eólicas "se fregan as mans" co Goberno da Xunta, "que actúa en favor dos seus intereses" e que contan, ademais, "coa colaboración do Goberno central, que acaba de pór en marcha unha medida tremendamente regresiva como é a eliminación das declaracións ambientais para as novas tramitacións".

"Iso é barra libre para o espolio eólico do noso país e un problema grave de futuro. Dixéronnos que baixarían a factura da luz e coa capacidade de produción de Galicia, non vemos iso. Vetan irresponsablemente a proposta da tarifa eléctrica galega, a pesar de que temos dereito a compensar os custos sociais e ambientais e porque ademais é de xustiza", defendeu.

ELECCIÓNS MUNICIPAIS

Por último, mostrouse "convencida" de que o BNG será a forza que máis suba nas próximas eleccións municipais e remarcou que os nacionalistas xa teñen experiencia con proxectos "transformadores que melloran a vida das persoas, totalmente á vangarda".

"Cidades sustentables, como Allariz ou Pontevedra, que demostran que o BNG ten un proxecto transformador e avanzado, a mellor carta de presentación para as eleccións" que, tal e como afirmou, suporán a consolidación dese "cambio de ciclo" que se iniciou nas últimas eleccións autonómicas e que situou aos nacionalistas como segunda forza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta