Galicia amence xeada e con temperaturas de -8º no interior de Ourense

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 30/01/2023 | Actualizada ás 10:57

Comparte esta noticia

O municipio de Calvos de Randín volveu a marcar na mañá deste luns a temperatura máis baixa de Galicia, con 7,9 graos baixo cero, noutra madrugada de xeadas que afectaron a case todo o país, especialmente ao interior ourensán.

De acordo cos valores extremos de Meteogalicia, a estación de Calvos rexistrou -7,9 graos ás 9,00 da mañá, e outros puntos do sur de Ourense marcaron valores similares. En concreto, a estación meteorolóxica da Mezquita notificou -6,8 ás 8,30 horas, a de Baltar -6,7 ás 9,00 e a de Verín -6,7 ás 8,40 horas.

Aínda que sen caer tanto como Ourense, a provincia de Lugo tamén rexistrou temperaturas baixo cero nas primeiras horas deste luns. Así, os medidores de Morelle, en Sarria, notificaron -5,6 ás 9,10; e os de Pedrafita do Cebreiro, -4,7 ás 7,20 horas.

Todo iso nunha xornada na que Galicia seguirá baixo a influencia das altas presións, con ceos despexados fóra dalgún banco de néboa no interior. Neste contexto, as temperaturas mínimas serán máis baixas con respecto a días pasados e o vento soprará frouxo, con intervalos moderados no litoral.

Esta situación prolongarase durante as próximas xornadas. De feito, o sur da provincia de Ourense volverá estar en aviso amarelo durante a madrugada do martes, por temperaturas mínimas por baixo dos -4 graos.

Xeada na igrexa de Aguís, no concello dos Blancos
Xeada na igrexa de Aguís, no concello dos Blancos | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta