Galicia é a segunda comunidade con máis megawatts eólicos tramitados polo Goberno

Só a comunidade de Castilla y León tivo máis megawatts avaliados neste trámite, con 1.604, segundo a información ofrecida este martes polo Ministerio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2023 | Actualizada ás 19:28

Comparte esta noticia

Galicia foi a segunda comunidade con máis megawatts de eólica tramitados polo Goberno central entre os proxectos cuxa data para obter a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) caducaba o pasado 25 de xaneiro.

En concreto, o Goberno avaliou máis dun milleiro de megawatts en Galicia, dos que se aprobaron 656 --unha cuarta parte dos 2.897 megawatts con luz verde no Estado--, correspondentes a sete parques eólicos, cinco deles para Alcoa e outros dous para Showa Denko. Un proxecto de 78 megawatts foi rexeitado, mentres que catro proxectos que sumaban 279 megawatts foron arquivados.

Só a comunidade de Castilla y León tivo máis megawatts avaliados neste trámite, con 1.604, segundo a información ofrecida este martes polo Ministerio.

O Ministerio para a Transición Ecolóica e o Reto Demográfico (Miteco) informou de que someteu 202 expedientes de proxectos de enerxías renovables ao procedemento de avaliación ambiental en España, o 100% dos que, no ámbito das súas competencias, debían obter esta declaración de acordo cos prazos e fitos establecidos polo Real Decreto-lei 23/2020.

Estes proxectos a nivel de toda España eran de eólica, fotovoltaica e enerxía híbrida, aínda que en Galicia os que cumprían prazo para a declaración ambiental o 25 de xaneiro só eran de eólica.

Un total de 154 expedientes recibiron DIA positiva no país, 36 obtiveron DIA negativa e 12 arquiváronse. A potencia dos proxectos avaliados ascende a 35.879 MW, dos que 27.943 MW obtiveron a DIA favorable; corresponden a 132 proxectos fotovoltaicos (24.752 MW), 20 eólicos (2.897 MW) e dous proxectos híbridos (294 MW).

PROXECTOS APROBADOS PARA ALCOA

En concreto, os parques eólicos de Barqueiro, Badulaque, Santuario, Tesouro e Moeche están incluídos no contrato de PPA de prezo fixo de enerxía entre Endesa --a través da súa filial de renovables Enel Green Power-- e Alcoa para fornecer enerxía a longo prazo á planta de San Cibrao, no municipio de Cervo.

Así, o parque eólico de Santuario é o de maior potencia, con 180 megawatts. Sitúase entre Xermade, Vilalba, Guitiriz e As Pontes. Séguelle o de Barqueiro, con 150 megawatts. Situado nas Pontes, As Somozas, Cerdido, Mañón, Moeche e Ortigueira, así como no Vicedo.

O de Badulaque (90 megawatts) emprazarase entre os municipios coruñeses de Valdoviño, Cerdido, Cerdeira, Moeche, As Somozas e As Pontes. O de Tesouro conta con 60 megawatts. Estará entre A Capela e As Pontes. E o de Moeche (53 de megawatts) emprazarase entre os municipios coruñeses de Moeche, As Somozas, As Pontes e San Sadurniño.

PARQUES PARA SHOWA DENKO

Mentres, os parques chamados Orzar e Tornado serán para Showa Denko, incluídos no contrato PPA da multinacional con Greenalia. Orzar conta con 56 megawatts e Tornado con 67,2 megawatts. Estarán situados en Carballo, Tordoia, Val do Dubra e Trazo.

Arquivo - Recreación do proxecto do parque eólico de Gasalla. ALDEAS LIBRES DE MACROEÓLICOS - Arquivo
Arquivo - Recreación do proxecto do parque eólico de Gasalla. ALDEAS LIBRES DE MACROEÓLICOS - Arquivo | Fonte: Europa Press

O proxecto denegado foi o de Caaveiro, con 78 megawatts, ao contar con informe negativo do Goberno galego. Proxectábase entre Fene, Neda, Cabanas, San Sadurniño, A Capela e As Pontes. Ademais, catro foron arquivados. Dous deles promovidos por Green Capital: Fonte Barreiros, de 96 megawatts --en Ribadeo, Barreiros, Foz, Cervo e Xove--; así como Rula, de 55 megawatts --en Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas--.

O terceiro arquivado era de Greenalia, agrupaba os parques Tramontana (72,5 megawatts) e Siroco (61,6 megawatts). Finalmente, o cuarto arquivado, tamén de Greenalia, chamado Furacán (56 megawatts), proxectábase entre Brión, Noia, Lousame e Rois.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta