O PSdeG presenta os candidatos na Baixa Limia para "impedir que o caciquismo siga imperando en Ourense"

Puxeron como exemplos "a inacción" e a "falta de impulso" á prolongación da autovía AG-31, a "inexistencia" dun proxecto de chan industrial para fincar empresas na zona ou o "total desamparo" que aseguran padece o Parque do Xurés-Baixa Limia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2023 | Actualizada ás 19:24

Comparte esta noticia

Os socialistas ourensáns presentaron este sábado aos candidatos aos comicios municipais do próximo 28 de maio en Entrimo, Calvos de Randín, Muíños, Bande e Lobios nun acto celebrado nesta última localidade no que estiveron arroupados polo secretario provincial de Ourense, Rafael Villarino, e o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, co obxectivo de "impedir que o caciquismo siga imperando en Ourense".

Ramón Alonso, Aquilino Valencia, José Luís Rodríguez, José Luís Álvarez e Iván Rouco coincidiron en destacar a necesidade da "política útil" do PSdeG para "mellorar a vida dos veciños nunha comarca historicamente abandonada e maltratada polo Partido Popular".

Así, puxeron como exemplos "a inacción" e a "falta de impulso" á prolongación da autovía AG-31, a "inexistencia" dun proxecto de chan industrial para fincar empresas na zona ou o "total desamparo" que aseguran padece o Parque do Xurés-Baixa Limia.

"Os responsables de que nos atopemos nesta situación son as persoas que teñen capacidade, competencia e diñeiro para decidir sobre se o territorio progresa ou se estanca, é dicir, a Xunta de Galicia", sinalou o alcalde de Entrimo e candidato á Alcaldía nas próximas municipais, Ramón Alonso.

Neste sentido, o candidato á Alcaldía de Muíños, José Luís Rodríguez, fixo fincapé na necesidade de acabar coas "actitudes caciquiis do goberno popular" no municipio e reclamou "discriminación positiva" cara aos concellos da Baixa Limia por parte do goberno provincial e autonómico.

Na súa intervención, o anfitrión do evento e candidato á Alcaldía de Lobios, Iván Rouco, destacou que se presenta a estes comicios locais para darlle ao municipio "o cambio que tanto necesita".

Pola súa banda, o líder dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, reprobou a situación de "inxustiza" que na súa opinión viven os concellos desta comarca pola repartición "antidemocrática, discriminatorio e caciquil" dos fondos provinciais por parte de "a Deputación de Baltar". Unha situación que cualificou de "anómala e única" en todo o Estado.

Presentación dos candidatos do PSdeG-PSOE Ourense na Baixa Limia ás eleccións municipais de 2023.. PSDEG
Presentación dos candidatos do PSdeG-PSOE Ourense na Baixa Limia ás eleccións municipais de 2023.. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta