Por Galicia Confidencial | Allariz | 06/02/2023 | Actualizada ás 21:30
O proxecto "A Memoria das Aldeas" xorde en colaboración coa plataforma Galicia Nomeada e consiste na recollida da toponimia da zona coa finalidade de evitar que desaparezan os nomes das terras, regatos, penedos, fontes, xa que moitos só existen na memoria das persoas maiores.
A iniciativa precisa da colaboración e coñecemento de todas as persoas, dende as máis maiores ás máis novas, que queiran colaborar desinteresadamente para preservar e salvagardar o patrimonio toponímico. O xeito de que este siga vivo é a través da súa difusión e do traballo colaborativo interxeracional e así nace o iniciativa "A Memoria das Aldeas", un proxecto coordinado pola técnica de igualdade Cristina Outeiriño que botou a andar o pasado mes de xaneiro e que se alongará ata o mes de maio, percorrendo un total de 12 asociacións veciñais de Allariz.
As primeiras asociacións en participar neste proxecto colaborativo foron AA. VV. de Nanín e a de Santa Marta de Roiriz. Durante os seguintes catro meses "A Memoria das Aldeas" chegará a Torneiros, San Mamede de Urrós, Roimelo, Queiroás, Valverde, Coira, Meire, O Mato, Seoane, Outeiro e Gundiás.
Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, lembrou a importancia que ten recoller toda esta información para que non se perda e agradece a todas as persoas que colaboran nesta nova iniciativa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.