Anulan unha condena por acoso por ver "contraditorio" recoñecer o delito pero non dano indemnizable

O condenado é un menor para quen pedían oito meses de liberdade vixiada e participar nun programa de prevención de acoso escolar.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 07/02/2023 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial anulou unha sentenza do Xulgado de Menores número 1 de Pontevedra que condenaba a un menor a oito meses de liberdade vixiada con obrigación de participar nun programa para previr o acoso escolar sen condenalo na orde civil por "non quedar acreditado un prexuízo indemnizable".

O fallo foi recorrido por Fiscalía e a Audiencia estimou o recurso e obriga a ditar nova sentenza ao entender que a previa "carece da motivación esixible e adoece de incongruencia omisiva".

Os feitos en cuestión remóntanse ao curso escolar 2020-2021, cando un menor que estudaba no Colexio San Francisco de Vilagarcía de Arousa, xunto con outro alumno contra o que se arquivan dilixencias por ser menor de 14 anos, someteu a dúas compañeiras "a continuos menosprecios e malos tratos".

Segundo consta nos antecedentes de dereito que recolle o fallo, "nos cambios de clase insultábanas chamándoas gordas, feas, parvas ou estúpidas", e dicíanlles que "non sabían facer nada". Tamén se recolle que as chegaron a empuxar polos corredores, e a porlles a cambadela. O condenado chegaría a propinarlles patadas en dúas ocasións.

Posteriormente, esta actitude estendeuse a redes sociais xerando nas menores "un profundo temor". O fallo recolle que as agredidas chegaron a negarse a asistir ao centro escolar "pondo diversas escusas ante a súa familia".

"NIN RACIONAL NIN COHERENTE"

A Fiscalía recorreu o fallo do xulgado que non recoñece un prexuízo para as menores e alegou que "a xulgadora apártase das conclusións dos informes médicos forenses" sobre as secuelas das prexudicadas; e a Audiencia estímao.

En concreto, indícase que o recurso ha de prosperar "dunha simple lectura dos feitos declarados" na propia sentenza, tendo en conta que "se pon de manifesto que dita xulgadora considera probado que o menor acusado someteu ás dúas prexudicadas a unha serie de humillacións e vexacións" que tiveron efectos psicolóxicos en ambas, como o temor polo que tentaban non ir a clase, pero logo alega que "non existe un prexuízo indemnizable".

Para a Audiencia, isto "non é racional nin coherente" e é "contraditorio" que estableza como probado o acoso ás dúas agredidas e logo afirme "que non existiu prexuízo".

Audiencia Provincial de Pontevedra
Audiencia Provincial de Pontevedra | Fonte: Confilegal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta