O arrastre, unha arte que pode deixar a pesca sen futuro?

Os empresarios pesqueiros do arrastre denuncian unha campaña contra eles desde colectivos ambientalistas financiados por grandes lobbies industriais. Os movementos ambientalistas piden a protección do mar fronte a sobrepesca e a destrución de lugares onde cría o peixe. A raíz de todo é a necesidade, segundo organismos internacionais, de protexer espazos mariños para ter asegurado peixe para o futuro, mentres que os industriais da pesca defenden que o seu modelo de captura apenas inflúe no leito do mar.

Por Moncho Mariño | Santiago | 09/02/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O regulamento 2016/2336 da UE buscaba a protección de determinados lugares considerados vulnerables ante as artes de pesca de fondo (arrastre de fondo e palangre de fondo, entre outras). A polémica saltou cando países con grandes frotas de arrastre (España é das primeiras en canto capacidade de tonelaxe) quixeron frear este tipo de regulamentacións consideradas lesivas para o sector pesqueiro de fondo. Por outra parte, tanto desde organizacións ambientalistas e ecoloxistas como desde algúns organismos internacionais, búscase a maneira de preservar determinadas áreas mariñas para facilitar a renovación natural do mar en canto especies e lugares de cría para asegurar a non desaparición de especies mariñas. Isto tentouse en 2022 a nivel global asinando un tratado dentro da ONU. Ao final, os países con maiores intereses pesqueiros impuxéronse aos de pequenas nacións que si reclamaban áreas vetadas á pesca. A pesar disto, da presión dos grandes produtores pesqueiros, non son poucas as voces do sector industrial que ven unha caste de “conspiración” onde as ONGs ambientalistas estarían apoiadas por fundacións ligadas á explotación eólica mariña, minaría mariña e outras actividades que, segundo sectores da patronal pesqueira, buscarían afastar e mesmo eliminar a pesca de determinadas áreas para a explotación industrial.

Embarcación da frota de arrastre
Embarcación da frota de arrastre | Fonte: EP- Arquivo


CONSPIRACIÓN CONTRA O ARRASTRE?

“Dicir que as organizacións ambientalistas están financiadas por lobbies industriais é un tema recorrente e non imos picar no anzó” di Raúl García de WWF. García resalta que son as organizacións como para a que el traballa as primeiras en paralizar a minaría no fondo do mar. “Ademais, en España a nosa organización é de interese público e por tanto ten que pasar auditorías e debemos publicitar as nosas contas”. En tal caso, García destaca que cando se fala de “apoios de lobbies industriais” ao final “quen acusa non acaba demostrando nada”.

“Non vale usar o veto ao arrastre como unha forma de persecución ao arrastre” di Fins Eirexas, de ADEGA. Eirexas remarca tamén que os movemetos ecoloxistas e ambientalistas non foron quen prohibiron as artes de arrastre de fondo. Á parte, aquilo que vale para o arrastre vale tamén para actividades como a minaría de fondo “que tamén debería ser prohibida”. “Se falamos de prohibir, falamos de prohibir todo aquilo que mata o fondo do mar, e a patronal do arrastre ve esta arte como se fose a única viable cando hai outras artes capaces de dar resultados”. A patronal do arrastre “só representa unha minoría”.

Cecilia del Castillo, de Ecologistas en Acción, lembra que nunha comisión parlamentaria no Congreso, un deputado de Vox cualificaba á súa organización e outros grupos ambientalistas de “lobby” perigoso para a pesca. “Nós traballamos para que a pesca sexa sustentable porque diso dependerá a pesca do futuro”. A retirada do arrastre permitiría ao mar recuperarse “dunha crise de sustentabilidade, porque o arrastre dana o mar e a súa retirada debe ser paulatina” para permitir a entrada doutras artes ou estudar novas maneiras de pescar. Esta postura baséase no Plan de Acción de Pesca Europeo contra as artes daniñas para os fondos e na mellora dos stocks pesqueiros. Isto significa o veto de pesca en determinados lugares durante un tempo para a recuperación de especies. “Cando se fai unha operación como esta os stocks de pesca melloran notablemente”.

ADAPTACIÓN OU DESAPARICIÓN

O 9 de febreiro de 2023, o ministro de Agricultura e Pesca español, Luis Planas, reiterou a súa coñecida defensa do sector arrastreiro. Ademais, pediu fondos europeos para a modernización da frota “para termos barcos do século XXI”. As palabras do ministro soan cando o debate sobre esta arte pesqueira está no ollo da Unión Europea. “A industria pesqueira sempre fai moito ruído cando falas deles” sinala del Castillo.

“A aplicación do regulamento de 2016 fíxose logo de anos con reticencias e freos para protexer áreas mariñas vulnerables” apunta del Castillo. “O arrastre ten máis problemas para adaptarse que outras artes” sinala Raúl García. Con todo “o peche de zonas sensibles debera levar a unha transición para o cambio de aparello”. Nese sentido a ciencia “tería que poñer as cousas no seu sitio” coa busca de novas artes ou artes semellantes que permitan non danar o fondo. Mesmo desde grupos ambientalistas apuntan que hai especies que só se poderían pescar con arrastre.

Isto último, segundo os mesmos ambientalistas, debera “forzar” a evolución do arrastre sen tocar fondo, por exemplo, e con capacidade de permitir “fuxir” especies non interesantes para comercializar. A cuestión é que mesmo artes máis selectivas como o palangre de fondo poden ter consecuencias non desexadas no hábitat mariño.

“O arrastre vai desaparecer se queremos apostar polo futuro da pesca” di Eirexas. A desaparición do arrastre deixaría de poñer en perigo espazos onde se calcula que existen as condicións para a cría natural de peixe, cetáceos e corais. “Estes datos son revisados cada ano” di del Castillo, tendo así unha avaliación continua que permitiría ir abrindo e pechando diferente áreas para a pesca.

A pesca de arrastre afronta unha época de cambios dentro do que son os sistemas produtivos e de consumo. Segundo a UNESCO de seguir co actual ritmo de explotación do mar, a finais do século XXI a metade das especies mariñas terán desaparecido. A consecuencia máis directa sería “comer peixe de plástico” como denominan algúns sectores ao peixe de piscifactoría. Por outra parte, para os ambientalistas e movementos ecoloxistas, evitar a implementación de leis protectoras do fondo mariño só responde aos intereses dunha minoría dentro da pesca. Á parte está que en moitos países, as frotas de arrastre levan décadas sen melloras tecnolóxicas e iso supón un investimento moi forte. De aí a petición de Planas, fondos europeos para barcos máis modernos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta