Por Galicia Confidencial | Ourense | 30/12/2014 | Actualizada ás 13:00
Os ataques dos lobos comezan a ser frecuentes no macizo central de Ourense, especialmente, na zona de Maceda. Unha situación que está a levar “ao límite” aos gandeiros, segundo denuncia o Sindicato Labrego Galego (SLG) que asegura que a actividade gandeira "comeza a ser inviable" por mor destes incidentes.
Nun comunicado, este sindicato considera necesario "realizar estudos para saber se existe superpoboación de lobos no Macizo Ourensán a fin de controlalo". Di que o aumento destes animais "desprazou ás poboacións de xabaríns e corzos da zona", o que produciu "un claro desequilibrio na cadea que explica o aumento, día a día, dos ataques sobre o gando".
Este fin de semana, foi o gando de Juan Francisco González Álvarez, o que resultou afectado por un deses ataques, que non é o primeiro. “Os lobos devoraron, a plena luz do día, un tenreiro de 250 quilos de peso, cun valor de mercado de 1.200 euros, a pesar de que as leiras están cercadas e protexidas e os animais pacen fora só polo día", sinala.
“As medidas para frear unha sangría que leva ao límite esta profesión son insuficiencies", lamentou este sindicato, quen criticou a política agraria e ambiental da Xunta de Galicia que "meteu nun camiño sen saída a moitas explotacións de gando que desenvolven a súa actividade en zonas desfavorecidas de montaña".
Desde o sindicato, denuncian a "drástica" redución de recursos como as indemnizacións compensatorias de montaña ou as axudas á cría de razas autóctonas. "Os ataques dos lobos agravan esta situación xa crítica, pois a única vía de compensación que ofrece a Xunta son unhas axudas ridículas" e cuxas compensacións por animal morto "non superan os 600 euros", cantidade que non cobre "nin de lonxe o animal perdido", explican.
A fin de que as explotacións poidan seguir desenvolvendo a súa actividade, o Sindicato Labrego considera necesario que o Goberno galego "axuste as indemnizacións ao valor real dos animais mortos e abonar o diñeiro nun prazo máximo dun mes, ademais de reducir significativamente os gastos e obrigacións burocráticas de todo este proceso".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.