"Non poden dicir o mesmo o resto de partidos", presume Alfonso Rueda sobre a enquisa que di que sobe nas sete cidades

Ana Pontón pide "non distraer" a atención da manifestación da sanidade pública e para Formoso acredita que seguen sendo "a formación preferida" dos galegos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2023 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, destacou que o partido sobe nas sete cidades segundo a enquisa publicada por La Voz de Galicia e realizada por Sondaxe, aínda que matiza que "non hai nada gañado" e que seguirán "con moito traballo e moita humilidade".

O líder popular comentaba as enquisas na LV Feira do Cocido de Lalín, onde remarcaba ademais que o partido aumenta os seus apoios respecto da última enquisa publicada "e sobre todo respecto das últimas eleccións". "Iso quere dicir que imos ben, que é o camiño, que a presentación que se fixo con tempo dos candidatos do sete cidades foi algo acertado", apuntou.

"Felicito aos homes e mulleres que encabezan as listas. Non poden dicir o mesmo en todas as cidades o resto de partidos. Con moita humildade, aquí non hai nada gañado e queda moito por traballar", concluíu.

OPINIÓN DA OPOSICIÓN

Aos líderes da oposición tamén se lles preguntou pola enquisa, a ambos na manifestación en defensa da sanidade pública e a atención primaria que se celebrou en Santiago de Compostela este domingo.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, preferiu non entrar a valorar a sondaxe para non distraer a atención da manifestación. "Os primeiros protagonistas son os cidadáns deste país e que nada nos distraia do importante, que é a sanidade pública", esgrimiu.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, si opinou sobre a enquisa, "unha boa referencia e un instrumento de traballo" e que ademais "acredita o que perciben na rúa". "Seguimos sendo a formación preferida no ámbito municipal galego e creo que ademais vai ser unha plataforma para retos maiores como chegar á presidencia da Xunta", augurou.

O presidente galego, Alfonso Rueda, participa no acto conmemorativo do décimo aniversario do  Grupo Hotusa en Galicia.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
O presidente galego, Alfonso Rueda, participa no acto conmemorativo do décimo aniversario do Grupo Hotusa en Galicia.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta