Sindicatos médicos denuncian que a Xunta impón propostas e "vende anuncios" sen consultar

CESM avanza posibles mobilizacións na primavera ante as medidas impostas "unilateralmente" polo Sergas relativas ás primas a sanitarios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2023 | Actualizada ás 11:55

Comparte esta noticia

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) en Galicia avanzou este martes posibles mobilizacións na primavera ante o "ninguneo" ao que, ao seu xuízo, a Xunta ten sometidos aos médicos e polas medidas impostas "unilateralmente" polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Nun comunicado, a CESM afeou ao Goberno galego que convoque aos facultativos a reunións de traballo nas que "nada se avanza nin se decide", debido a que os interlocutores designados "non teñen capacidade de decisión".

Así, cualificou de "decepcionante" o encontro do pasado venres porque dous dos tres interlocutores do Sergas tiñan perfís xurídico-técnico, "pero non político con decisión", polo que o sindicado esixe que para poder avanzar esas reunións se desenvolvan con responsables do Executivo galego que estean asesorados por facultativos, "e non avogados que descoñecen a realidade total da lamentable situación que atravesa a sanidade pública en Galicia".

Unha muller en cadeira de rodas pasa por diante de varios sanitarios que protestan, cunha pancarta que reza 'Máis emprego e de máis calidade. Sanidade Pública 100%'. Carlos Castro - Europa Press
Unha muller en cadeira de rodas pasa por diante de varios sanitarios que protestan, cunha pancarta que reza 'Máis emprego e de máis calidade. Sanidade Pública 100%'. Carlos Castro - Europa Press

MEDIDAS IMPOSTAS

A CESM criticou que a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana María Comesaña, e a subdirectora, Margarita Prado, "limitáronse a vender" os anuncios feitos dous días antes pola Xunta, "cando nin sequera leron as propostas remitidas polos facultativos con antelación á reunión". Para eles, as medias da Xunta "non contan co consenso dos profesionais e impuxéronse unilateralmente por parte do Sergas sen ter en conta as necesidades reais que hai".

A organización sindical cualificou de "simples parches temporais" estas medidas, que non recollen cambios de "calado" que melloren a calidade asistencial dos cidadáns, nin as condicións dos facultativos. Tampouco resolven, ao seu xuízo, os problemas en Atención Primaria, que requirirían unha "reforma estrutural".

"Aínda que os representantes da Xunta admitiron unha vez lidas as propostas de CESM que algunhas estarían incluídas nos seus proxectos, o Sindicato Médico entende que non é suficiente con que estean dispostos a reducir a burocracia que padecen os facultativos, a ver con bos ollos a coordinación entre a Atención Primaria e a Hospitalaria ou a apoiar unha reorganización dos centros de saúde para optimizar os recursos", engadiron.

Os médicos demandaron, entre outras cuestións, a recuperación de "moitos dereitos laborais e económicos que foron eliminados desde a crise económica de 2008", ademais do recoñecemento profesional en función da súa formación e responsabilidades, e condicións similares ás que teñen noutras comunidades autónomas, como a xornada laboral de 35 horas semanas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta