Galicia detecta catro focos de lingua azul en bovinos tras 14 anos sen casos

A Xunta arrincará en marzo unha campaña de vacinación preventiva

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2023 | Actualizada ás 16:43

Comparte esta noticia

A Xunta comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a detección de catro focos de lingua azul en bovinos noutros tantos municipios das provincias de Pontevedra e Ourense, unha enfermidade sen novos casos na comunidade desde 2009.

En concreto, o plan de vixilancia desta enfermidade detectou os casos de lingua azul de serotipo 4 en reses de Castro Caldelas, Sarreaus, Fornelos de Montres e As Neves --onde deron positivo dous animais da mesma explotación--. Os resultados foron confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete, de referencia nacional.

Estes focos, avanzou a Xunta, suporán a adopción de medidas por parte do Goberno galego, como o inicio dunha campaña de vacinación preventiva e servizos de desinsectación por parte dos centros de limpeza e desinfección de vehículos que dependen da Consellería do Medio Rural.

A lingua azul é unha enfermidade vírica de carácter infeccioso non contaxioso (non se tramite por contacto directo duns animais a outros), transmitida por diferentes especies de mosquitos do xénero Culicoides, que pasan a enfermidade pola picadura a animais infectados e, posteriormente, a animais sans.

O momento actual, apunta o Goberno galego, é unha época libre de vector, é dicir, non hai mosquito transmisor, o que quere dicir que os animais detectados infectáronse antes do mes de novembro. Hoxe en día manteñen o virus, aínda que non presentan ningún síntoma. A lingua azul, insiste a Xunta, non é unha zoonosis, é dicir, non é transmisible ás persoas, nin por contacto directo cos exemplares positivos nin por consumo de produtos cárnicos.

DECLARACIÓN DE ZONA DE RESTRICIÓN

A declaración dos focos supón a creación dunha zona de restrición de, polo menos, un radio de 50 quilómetros ao redor dos casos detectados, considerando sempre comarcas veterinarias completas.

Segundo isto, a zona de restrición na comunidade inclúe as provincias de Ourense e Pontevedra na súa totalidade, e as comarcas veterinarias de Chantada, Terra de Lemos-Quiroga e Sarria, no sur de Lugo.

Así, nestas áreas será obrigatoria a vacinación de todos os animais da especie ovina e bovina de máis de tres meses de idade. Nesa liña, finalizada a época estacionalmente libre do vector -a mediados-finais de abril- nestas zonas só se poderá autorizar o movemento de animais se proceden de explotacións vacinadas, e os animais están vacinados (só posible a partir do tres meses), ou son animais menores desa idade procedentes de nais vacinadas. Ademais, deberán ser transportados en vehículos que sexan desinsectados antes da carga.

A Consellería do Medio Rural xa está a organizar a realización da pertinente vacinación para comezar no próximo mes de marzo. A maiores, está previsto que cando finalice a época estacionalmente libre do vector, os centros de limpeza e desinfección de vehículos que dependen da consellería comecen a prestar o servizo de desinsectación.

A última vez que en Galicia se detectou esta doenza foi nos anos 2008 e 2009, aínda que naquela ocasión o serotipo que afectou á cabana foi o 8 (S-8). Erradicouse a enfermidade mediante vacinación.

Desde esa época, no conxunto do Estado realízase un programa anual continuo de vixilancia da presenza desta enfermidade, que consta dun compoñente de vixilancia entomológica (captura de mosquitos semanalmente durante todo o ano) e un compoñente de vixilancia sobre os animais domésticos sensibles. Dentro deste último apartado, realízanse dúas mostraxes anuais sobre un número de animais pertencentes a rabaños sentinelas de gando bovino previamente seleccionados, e foi no marco da última mostraxe na que se detectaron os focos positivos.

Vacas. Gando bovino.
Vacas. Gando bovino.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta