Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/02/2023 | Actualizada ás 22:00
Expertos galegos e doutras partes do Estado reflexionarán o día 9 de marzo, en Santiago de Compostela, sobre a información nun escenario onde a desinformación se fixo ubicua e onde o papel dos medios de comunicación, herdados ou nativos dixitais, se fan máis necesarios ca nunca para que os cidadáns dispoñan de información veraz a fin de que poidan tomar as súas decisións con criterio fundado.
Mentres desde diferentes organizacións e entidades cidadáns se demanda unha estratexia propia, no marco das estratexias europeas e estatais para combater a desinformación, o Foro que organiza o Consello da Cultura Galega, na programación de debates para conmemorar o seu corenta aniversario, incentiva pensar dende Galicia as características deste mundo dixital actual, enmarcado nun escenario de posverdade, e onde a boa información cobra cada vez máis valor.
Este foro sobre a información no mundo da posverdade presenta unha nova ocasión para pensar desde Galicia o panorama creado pola desinformación e ofrecer achegas para o seu combate. Estas achegas hai que enmarcalas nesa reclamación dunha estratexia propia que precisa Galicia para combater a desinformación e que tarda en chegar.
As consecuencias creadas pola desinformación, estudadas desde diferentes campos científicos, puxeron de novo sobre a mesa a importancia de medios de comunicación sostibles e da relevancia do papel dos xornalistas nas sociedades dixitais actuais, nas que precisan dispoñer de autonomía para realizar o seu cometido profesional e para asumir a súa responsabilidade na construción de sociedades ben informadas.
A DESINFORMACIÓN, "UNHA ARMA SILENCIOSA"
A desinformación, que a Unesco definiu como “unha arma silenciosa nos tempos de pandemia”, converteuse nun problema estratéxico para tódolos países e, aínda que con diferentes finalidades e estratexias, provocou respostas con medidas orientadas na busca dun ecosistema comunicativo máis transparente. A proliferación de bulos en plena pandemia da COVID-19, a UNESCO e moitos medios de comunicación crearon recursos para loitar contra a desinformación.
Desde a propia Unesco difundiuse o manual “Periodismo, “noticias falsas”& desinformación: manual de educación y capacitación en periodismo”, feito que animou á maioría das organizacións profesionais do campo da Comunicación a promover sesións formativas e campañas dirixidas aos principais sectores sociais para establecer novas alianzas nun obxectivo común: establecer un marco no que os cidadáns coñezan aos emisores de información que asumen un compromiso claro coa información veraz. Trátase dun plan que ten ramificacións e moitos países e que pretende non só crear a máxima sensibilidade cos perigos da desinformación, senón establecer pautas para o seu combate eficaz, porque trátase dun fenómeno que estivo sempre nas sociedades pero que agora, polo eco da sociedade rede, cobra novas dimensións.
Desde o Consello da Cultura, no marco desta preocupación polas consecuencias negativas da desinformación, artellouse este foro que abordará “a cuestión da información no mundo da posverdade”. O seu obxectivo, segundo se explica no programa, “é reflexionar arredor do ecosistema comunicativo actual, o papel da información e as distorsións que provoca a desinformación”.
SESIÓN DE TRABALLO
A sesión de traballo, que está aberta a tódolos cidadáns interesados -só teñen que inscribirse na páxina do Consello, porque hai aforo limitado-, contará con expertos que definirán o ecosistema comunicativo actual, cos seus principais actores -medios, plataformas, entidades, profesionais...-, e analizará as diferentes dimensións que introduce a posverdade como porta á reflexión da época actual. Esta visión panorámica do ecosistema comunicativo correrá a cargo do Catedrático de Comunicación Audiovisual na Universidade Autónoma de Barcelona, director do grupo de investigación GRISS-UAB e director de Quaderns del CAC, Emilio Prado i Pico, un galego que desenvolveu boa parte da súa traxectoria académica e investigadora en Cataluña e que tamén foi o decano-comisario que puxo en marcha a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
A segunda intervención ofrecerá unha perspectiva filosófica do que implica a posverdade e como mudou as nosas vidas. Baixo o título “A posverdade como porta á reflexión da época”, Remedios Zafra Alcaraz, científica titular do CSIC, escritora e ensaísta, analizará o mundo das pantallas e como a pantalla non é só un dos artefactos desta época, senón un dos máis fascinantes espazos de interacción da verdade e a mentira. A partir do marco de fantasía permanente “habitar la red implica habitar un marco de fantasía; lo que vemos nunca tiene plena garantía de responder a algo real o inventado”-, Remedios Zafra reflexionará o que de “época” teñen as formas de vivir e transitar a verdade nun mundo globalizado e en rede. A partir destas achegas, que forman parte de traballos recentes desta científica do CSIC, introduciranos nalgúns desafíos que temos para transitar nesta sociedade rede hiperconectada e onde hai cambios constantes, con consecuencias para os procesos comunicativos e para as nosas vidas diarias.
VISIÓN GALEGA
Estas exposicións de Emilio Prado e Remedios Zafra enmarcarán boa parte dos debates da sesión da mañá, nos que participarán expertos das universidades galegas que investigan, desde diferentes enfoques e disciplinas, as consecuencias da desinformación. A fin de facer realidade o obxectivo da xornada -“pensar o mundo da posverdade dende Galicia”-, estes expertos farán as súas achegas e introducirán reflexións, nunha quenda de preguntas-achegas que busca a maior diversidade e pluralidade de voces posible. Coa finalidade de ampliar esa pluralidade, a organización anima aos representantes das principais organizacións e entidades que se inscriban e participen activamente nas sesións de traballo.
Os debates concluirán, na sesión da tarde, coa achega de resultados de proxectos de investigación sobre a desinformación e os seus efectos nas sociedades actuais. Na sesión está prevista unha mesa redonda moderada por Xosé López, na que cada un dos catro intervintes achegará as propostas concretas para combatir a desinformación. Con tal fin, está prevista a participación de Clara González Tosat, da Universidade de Navarra e xestora do proxecto IBERIFIER (https://iberifier.eu/) -proxecto financiado pola Comisión Europea para analizar a desinformación en España e Portugal-; María Isabel Míguez González, profesora titular da Universidade de Vigo -Investigadora principal, xunto con Alberto Dafonte, do proxecto “Narrativas digitales contra la desinformación. Estudio de redes, temas y formatos en los fact-checkers iberoamericanos”, Carlos Elías Pérez, catedrático de Xornalismo na Universidade Carlos III de Madrid e titular ca cátedra Juan Monnet “European Unión, Desinformation and Fake News”, e Xosé Rúas, profesor titular da Universidade de Vigo e investigador principal dos proxectos " Lucha contra la desinformación y los estándares de valor en los debates electorales en TV y medios digitales: plataforma de verificación y blockchain, DEBATrue" e "Mapa de la Desinformación en las Comunidades Autónomas y Entidades Locales de España y su Ecosistema Digital (FAKELOCAL)".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.