Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/02/2023 | Actualizada ás 15:10
O Grupo Comar planea a instalación dun casino en Santiago, no baixo do hotel Araguaney, sobre o que o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, expresou a postura en contra do goberno local. "Se dependese de nós non sería favorable", sinalou.
Deste xeito, tal e como adiantou El Correo Gallego e confirmaron fontes de Vicepresidencia Segunda da Xunta a Europa Press, consta presentada unha solicitude de autorización e funcionamento por parte deste grupo, pero "aínda non foi resolta, xa que non se ten comprobada toda a documentación".
Así, o grupo galego Comar, presidido polo coruñés José Collazo Mato, conta actualmente con nove casinos en toda España, un deles o Casino Atlántico situado na cidade da Coruña e para o que se presentou a solicitude na Xunta dunha sala adicional en Santiago.
OPOSICIÓN DO CONCELLO
En relación a esta cuestión, Sánchez Bugallo indicou, en declaracións aos medios no Pazo de Raxoi, que o Concello recibiu unha solicitude de licenza de obra, pero que quen outorga a licenza administrativa é a Comunidade Autónoma. Nesta liña, insistiu en que "non é unha competencia nin unha decisión municipal" e que "non lle consta que o Concello fose consultado".
Así mesmo, recalcou que a competencia municipal limítase á licenza de obras e a de primeira ocupación, xa que "probablemente a licenza de actividade este substituída por unha declaración responsable". Bugallo puntualizou que "loxicamente se actuará de acordo coa lei máis aló de que lles guste ou non".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.