A oposición critica que a Deputación de Ourense reparte os fondos "entre os amigos do PP"

A modificación de crédito promovida polo goberno local é considerada pola oposición como unha adxudicación "a dedo"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2023 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

O pleno da Deputación de Ourense aprobou este venres unha modificación de crédito por importe de 20,1 millón de euros para impulsar o desenvolvemento de 263 proxectos e servizos postos en marcha polos concellos e entidades sociais, económicas culturais e deportivas.

Esta modifiación orzamentaria aprobada cos votos do Grupo Popular e a deputada non adscrita Montse Lama (electa por Cs) recibiu as críticas dos grupos de PSdeG e BNG, que ven niso unha "nova mostra de caciquismo" do presidente provincial, Manuel Baltar, para conceder "a dedo" contías "millonarias" aos concellos do Partido Popular.

En concreto, a deputación destinará 19,5 millóns de euros en calidade de suplemento de crédito e a contía restante, 564.000 euros a créditos extraordinarios. No primeiro apartado inclúense investimentos de 7,3 millóns de euros para 132 proxectos deseñados polos concellos ourensáns.

No apartado de cooperación con entidades, o expediente destina 2 millóns de euros para colaborar con máis de 70 entidades do territorio, tanto en axudas para o seu funcionamento como para financiar actividades. Neste mesmo ámbito de cooperación destinaron 1,2 millóns a colaborar coa Universidade de Vigo para a ampliación do campus.

En canto ás partidas consignadas como suplemento de crédito, tamén figura un capítulo de Servizos Sociais, cunha inxección económica dun millón de euros para pór en marcha un programa contra a soidade non desexada e o envellecemento activo, así como 300.000 euros para o plan 'BenOurense' de apoio aos servizos sociais municipais.

Así mesmo, tamén recibiu luz verde o contrato de patrocinio de rodaxes na provincia (1 millón de euros), o plan de cobertura para concellos afectados polas riadas este inverno, dotado con 500.000 euros; así como outros 536.000 euros para os grupos de emerxencias supramunicipal existentes na provincia.

REPARTICIÓN "A DEDO"

Os partidos da oposición manifestou o seu rexeitamento ao que consideran unha práctica de "caciquismo". Así o defendeu o Partido Socialista, que denunciou "a repartición a dedo do 84% dos fondos" da deputación "entre amigos e amigas do Partido Popular", o que "incumpre a lexislación vixente e a resolución do Consello de Contas".

"O presidente provincial mantense aferrado ao caciquismo, en beneficio propio, grazas a unha nova macromodificación orzamentaria coa que distribúe inxustamente 17 millóns de euros", reclamaron os socialistas durante o pleno provincial. A formación subliñou que o sistema "é caciquil e inxusto" "mesmo cos municipios gobernados polo PP", insistindo en que "só se beneficia aos amigos do presidente".

"Desde o PSOE de Ourense pedimos a aprobación dun Plan Único que distribúa democraticamente o diñeiro, pero atopámonos ante unha nova tropelía orzamentaria", denunciou o viceportavoz da formación, Nacho Gómez, que criticou que "en ningún lugar de España ocorre o que ocorre nesta Deputación, porque en todas teñen criterios, mellores ou peores pero criterios".

Nos mesmos termos pronunciouse o Bloque Nacionalista Galego, cuxo portavoz, Bernardo Varela, lamentou que o sistema de repartición "non respecta ningún tipo de criterio equilibrado ou ecuánime" distando das outras tres entidades provinciais galegas onde existe o Plan Provincial "onde os concellos saben de antemán os fondos que poderán conseguir en base a criterios como dispersión, envellecemento poboacional ou superficie".

"Con este modelo queda ao criterio do presidente da Deputación a necesidade ou non dos fondos", afeou Bernardo Varela, que pediu que "isto cambie nun curto prazo de tempo coa oportunidade que brindan as eleccións municipais".

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar | Fonte: Alberte Paz

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta