A Real Academia Galega recibe aos promotores da restauración do "fidedigno" Himno de Galicia

Sinalan que a versión actual ten "alteracións" con respecto á orixinal

Por E.P. | A Coruña | 28/02/2023 | Actualizada ás 19:41

Comparte esta noticia

A executiva da Real Academia Galega (RAG) recibiu este luns na súa sede da Coruña a representantes das entidades promotoras da iniciativa lexislativa popular (ILP) para a restauración do Himno de Galicia á súa versión "orixinal" e "fidedigna".

Esta reunión enmárcase na campaña de presentación da iniciativa lexislativa a diferentes institucións e entidades co obxectivo de cultivar os máximos apoios posibles. De feito, xa se reuniron cos grupos parlamentarios de BNG e PSdeG e estaba previsto que este martes o fagan co PP.

Na reunión coa Real Academia, os promotores da ILP trasladaron a necesidade de modificar a Lei de Símbolos de Galicia de 1984 para "restaurar" o himno "con arranxo á investigación realizada polo doutor Manuel Ferreiro", que demostrou documentalmente que a versión actual ten "alteracións" en relación coa orixinal e a vontade do seu autor, Eduardo Pondal.

As modificacións máis importantes levan problemas de presentación formal e de puntuación --no texto oficial desapareceu a indicación de que é un diálogo cos piñeiros--, conteñen formas idiomáticas alleas ao poema orixinal, como castelanismos e hiperenxebrismos.

Segundo informa Vía Galega, a executiva da RAG agradeceu o encontro e, aínda que entenden que desde a lei de 1984 hai novos elementos a considerar, sinalan que "calquera declaración ou informe correspóndelle emitilo" ao pleno da Real Academia.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e outros membros reúnense co catedrático Manuel Ferreiro; o presidente de Galiza Cultura, Xosé Manuel Carril; e o coordinador da plataforma Vía Galega
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e outros membros reúnense co catedrático Manuel Ferreiro; o presidente de Galiza Cultura, Xosé Manuel Carril; e o coordinador da plataforma Vía Galega | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta