Os sanitarios de Primaria que cubran ausencias poderán escoller prolongar a xornada dúas, catro ou cinco horas

A primeira solución a adoptar ante a ausencia dun profesional --sexa prevista ou imprevista-- será botar man das listas de contratación de interinos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2023 | Actualizada ás 15:20

Comparte esta noticia

Médicos de familia, pediatras e enfermeiros de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas) que asuman cotas de compañeiros ausentes poderán escoller entre tres modalidades de prolongación de xornada: de dous, catro ou cinco horas.

É unha das medidas que recolle o primeiro manual de cobertura de vacantes en centros de saúde que este venres foi abordado entre o Sergas e os sindicatos representados na Mesa Sectorial (CIG, CCOO, UGT, CSIF e Satse), que o apoiaron de forma unánime, segundo informa a Xunta nun comunicado.

Por parte da Consellería de Sanidade, a esta reunión --a primeira desde que o sindicato médico CESM, que está fóra deste órgano, convocaba folga para a partir do 11 de abril-- acudiron a directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña, e a de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López.

Segundo consta neste manual, recollido por Europa Press e xustificado no "déficit estrutural de profesionais" no Sistema Nacional de Saúde, a primeira solución a adoptar ante unha ausencia --sexa prevista ou imprevista-- será botar man das listas de contratación de interinos.

Con todo, consciente da actual situación de "indispoñibilidade de profesionais" nestas listas, especialmente de médicos de familia e pediatras, o segundo paso serán as prolongacións de xornada ou xornadas complementarias, que se ofertarán aos equipos da mesma categoría do profesional ausente.

Iso si, en función dos recursos humanos dispoñibles no centro de saúde, "poderase ofertar a profesionais doutras áreas ou institucións do Sergas". En todo caso, a Xunta destaca que o 33% do persoal

TRES MODALIDADES

Haberá tres modalidades de prolongacións de dúas, catro ou cinco horas, cando antes o máximo posible eran sete. A de tipo A contempla xornadas de catro horas a maiores, con entre 24 e 26 ocos de entre 7 e 10 minutos cada un para atender pacientes, cun posible descanso de 20 minutos --non computable--. Esta primeira opción non inclúe asistencias a domicilios nin atención de urxencias.

A prolongación de tipo B será de cinco horas de consulta, que ten características practicamente similares á anterior, pero si contempla actividade asistencial a domicilio e atención ás Urxencias e ao 061.

A terceira modalidade, de tipo C, será de dúas horas de consultas con 12 ou 13 ocos de entre 7 e 10 minutos cada un, tamén con posibilidade de descanso de 20 minutos. Neste caso, tampouco hai asistencias a domicilios nin atención de Urxencias.

En principio, estas prolongacións voluntarias, que actualmente xa fai o 33 por cento do persoal médico, tal e como destaca a Xunta, están pensadas para médicos de familia e facultativos especialistas de Atención Primaria, pediatras, enfermeiras especialistas e enfermeiras.

INTERSUSTITUCIÓNS

Como terceira opción --tras a contratación de interinos e prolongacións-- está a realización de intersustitucións, que o manual define como "cobertura obrigatoria" da actividade dun sanitario ausente a través da asignación da súa carteira ao persoal dispoñible no centro, que percibirán tamén o seu salario.

As intersustitucións ofertaranse --á parte da médicos de familia, enfermeiros e pediatras-- a fisioterapeutas, matronas e odontólogos, aínda que tamén se poderá autorizar para farmacéuticos de Primaria, sempre se se esgotan as listas de contratación.

O manual tamén recolle cuestións xa anunciadas meses antes, como que a acumulación de cartillas terán un límite de 300 por profesional e unha retribución anual de 12.300 euros adicionais.

Así mesmo, a Mesa Sectorial abordou este venres coas organizacións sindicais as melloras retributivas --cun custo que a Xunta cifra en 4 millóns de euros-- vinculadas á cobertura de ausencias e postos, así como outras medidas de organización e xestión xa implantadas.

A directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez, e a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, en Mesa Sectorial.. XUNTA
A directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez, e a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, en Mesa Sectorial.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta