O TSXG ratifica a nulidade das licenzas outorgadas en 2007 polo Concello de Ourense na praza de San Antonio

Jácome entende que están "ante un auténtico estropicio da xestión do Partido Socialista"

Por E.P. | OURENSE | 08/03/2023 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ratificou a nulidade das licenzas que outorgou o Concello de Ourense no ano 2007, en vía de legalización, no subsolo da Praza de San Antonio, por estar en chan de propiedade pública, segundo recolle o fallo xudicial.

Nunha resolución que coñeceu o concello esta mesma semana, o TSXG confirma a resolución anterior do Xulgado Contencioso-Administrativo Número 1 de Ourense, de data do 30 de decembro de 2021, na que declaraba a nulidade de pleno dereito dos acordos da xunta de goberno local adoptados en decembro dos 2007 relativos á concesión de licenzas urbanísticas de obra, ocupación, usos, actividade e apertura, referidas ao subsolo desta praza.

Aínda cabe interpor recurso de casación ante o Tribunal Supremo, pero cando a sentenza sexa firme tanto os propietarios de concesións de garaxes como baixos e as empresas que xestionan o parking terán que abandonar as dotacións.

Así pois, a anulación "afecta directamente o aparcadoiro de explotación comercial con prazas de garaxe para residentes e aos baixos que adquiriu para uso administrativo a Tesouraría de Seguridade Social", segundo explican desde o Consistorio.

"DÁNOS A RAZÓN"

Despois de coñecerse a sentenza o alcalde da terceira cidade de Galicia, Gonzalo Pérez Jácome aseverou que lle dá "a razón sobre algo que vimos denunciando desde hai unha década, que a praza é de dominio público de todos os ourensáns".

Deste xeito entende o rexedor que están "ante un auténtico estropicio da xestión do Partido Socialista" no Concello de Ourense, aos que acusa de ser "cómplices dun roubo á cidade". En concreto, o alcalde lembra que Áurea Soto, edil de urbanismo naquel momento co alcalde Francisco Rodríguez, que se presenta á reelección polo PSOE, "dixeron que ían facer unha manobra para aforrarlle ao Concello de Ourense 40 millóns de euros en indemnizacións", para iso "legalizando de forma totalmente ilegal un parking que non se podía legalizar".

"Fixeron unha manobra para regalarlle un aparcadoiro privado nunha praza pública a unha empresa privada", expuxo o rexedor que celebra que " a xustiza agora dános a razón recuperando un terreo público para todos os ourensáns".

"Fíxose xustiza e o parking de San Antonio é de todos os ourensáns", insistiu Pérez Jácome para apostilar que "se anula o roubo que no seu día o alcalde Paco Rodríguez fíxolle a todo Ourense".

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, intervén durante un pleno
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, intervén durante un pleno | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta