Por Galicia Confidencial | A Coruña | 20/01/2015 | Actualizada ás 17:51
Inversiones Gallegas del Cable (os empresarios da prensa galega de El Progreso, La Región, El Ideal e outros que participaban en R Cable) 5 millóns; Corporación de Hijos de Rivera S.L (Estrella Galicia) 4 millóns; Concable Inversiones S.L. 500.000 euros; Inversiones Subel (propiedade do expresidente de Azkar Luis Fernández Somoza) 5 millóns; Río Breiro (Jealsa) 3 millóns; Sociedad Cooperativa Gallega (COREN) 300.000 euros e Sociedad Anónima de Obras y Servicios COPASA (a constructora ourensana implicada na Gürtel) 3 millóns. Esta é a lista das empresas afectadas polo calote da fusión das caixas galegas que acaban de coñecer que a Xustiza rexeita a súa demanda e non poden recuperar nada do investido. Nin sequera os custes do xuízo.
O Xulgado número 5 da Coruña desestimou a súa reclamación contra Novacaixa Galicia Banco e a entidade FROB do Banco de España. Despois de colleitar os investimentos, o Estado lanzou unha " operación acordeón" na entidade galega nacionalizada, perdendo os accionistas todo o valor dos seus títulos, incluídos os preferentistas.
A base da sentencia é que o maxistrado non considera que investiran enganados. "Sobre os investidores pesaba a dilixencia de comprobación dos datos proporcionados pola entidade que vendía as súas accións e que a falta desta dilixencia non pode levar consigo nin a nulidade do negocio nin tampouco a súa rescisión", argumenta o xuíz.
As empresas reclamaban máis de 20 millóns alegando que pensaban que entraban nunha entidade "saneada e viable", entre outras razóns, pola presenza do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB).
Con todo a sentenza aínda non é firme. Cabe recurso de apelación. Ademais, non é o único preito por circunsancias similares. A sentenza de hoxe agrupa só a compañías que investiron uns 20 millóns e, en total, as compañías do país investiron uns 70 millóns do país convencidos polas promesas de José María Castellano co aval da Xunta de que a entidade resultante da fusión de Caixanova e Caixa Galicia estaba saneada.
O obxectivo político da operación, auspiciada polo Goberno Galego de Alberto Nuñez Feijóo, era que a entidade seguira estando controlada por capital galego. Pouco despois o Estado tiña que nacionalizala recurrindo aos cartos prestados dende Bruxelas, para malvendela finalmente ao grupo venezolano Banesco.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.