A problemática da vivenda: máis impagos de rendas que ocupacións

En Galicia contabilizáronse 189 ocupacións no 2022, 6 menos que no 2021

Por Galicia Confidencial | Galicia | 12/03/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Nos últimos tempos son moitos os políticos e informes que advirten dun incremento no número de ocupacións de vivendas, pasando por alto que a ocupación pura e dura, entendida como a intrusión ilegal nunha propiedade, é un dos delitos que menor repercusión ten no noso país.

Edificio de pisos para vivenda en construción
Edificio de pisos para vivenda en construción | Fonte: Arquivo

A pesar de que as mafias “existen”, tal e como reafirma o portavoz da Plataforma de Afectados pola Ocupación, Ricardo Bravo, a falta de pagamento de rendas é “a base da problemática da vivenda en España”, segundo aclara o letrado Joaquín Martínez Camacho.

Unha problemática que explicaría por que se fala dunhas 700 propiedades ocupadas en Galicia no ano 2022, segundo o informe da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), cando, segundo os últimos datos do Ministerio do Interior, contabilizáronse un total de 189 ocupacións, o que supón unha diminución respecto das 195 do 2021.

Outro factor que inflúe na disparidade das cifras vén dado pola dilatación dos prazos e os gastos asociados que conleva o inicio dun proceso xudicial destas características. Pero non é que a lei “se demore” nos prazos “nin os xuíces”, senón que hai “unha garantía xurídica” para ambas as partes afectadas, detalla o experto.

Cómpre destacar que, segundo recolle o INE, a nivel nacional ao longo da última década si se produciu un incremento significante no número de usurpacións que pasou de 1.669 no ano 2013 a 4.302 en 2021. Mentres que as violacións de morada descenderon de 315 no ano 2013 a 230 en 2021.

A esta conxuntura súmase a aplicación do Real Decreto 11/2020, posto en marcha por mor da crise do Covid-19 e polo que se paralizan todas as causas xudiciais referentes á ocupación de vivendas sempre que se manifeste unha situación de vulnerabilidade económica. Unha medida que continuará vixente ata xuño deste ano.

"Non nos escoitan”, critica á súa vez o portavoz da Plataforma de Afectados pola Ocupación, Ricardo Bravo, en relación ao esforzo perseguido por manter un diálogo con diversos portavoces.

Así mesmo, asegura que desde a Plataforma dirixiron ata dezaoito solicitudes ao Goberno nas que manifestan a necesidade dunha “modificación lexislativa”. Un cambio que solucione o feito de que “non hai vivenda social”, sinala Bravo, e coa que se poida “poñer un límite” á falta de pagamento.

A SITUACIÓN GALEGA: A PROPIEDADE DAS VIVENDAS OCUPADAS É DE PROCEDENCIA BANCARIA

Galicia, sempre segundo os datos expedidos polo Ministerio do Interior, concentra pouco máis do 1% das ocupacións rexistradas en toda España. E dentro da propia rexión estas representan menos do 0,2% do total de infraccións penais.

Ademais, case na “completa totalidade”, apuntan desde o Ministerio do Interior, aplica a casos de usurpación e non de violación. Un aspecto co que si coincide desde a perspectiva empresarial do informe emitido por Fegein, onde se especifica que o título de propiedade do 78% das vivendas ocupadas é de procedencia bancaria, fondos de investimento e Sareb.

O Consello Xeral do Poder Xudicial (CJPG) no seu informe anual pertencente ao ano 2022 rexistrou 101 xuízos verbais posesorios por ocupación ilegal de vivendas en Galicia. Por outra banda, os datos das Forzas de Seguridade non indican que o fenómeno represente unha ameaza para a seguridade pública na Comunidade. 

Por último, a Xunta habilitou en 2020 un servizo telefónico, que aínda continua activo e desde a consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda informan que atendeu un total de case cen chamadas nos últimos dous anos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta