Por Manuel Vilas | Lugo | 23/01/2015 | Actualizada ás 08:00
A adxudicación sen publicidade dun contrato ao bufete do que é administrador o tesoureiro -motivo do cese de Luís Lamas como presidente de SOGAMA este mércores- non é a primeira irregularidade na contratación do CETAL. O Tribunal de Cuentas do Estado (TCE) atopou numerosísimas e graves eivas durante a fiscalización que fixo en 2012 desta fundación pública estatal baseada en Lugo.
Unha das irregularidades máis graves é a ocultación dos concursos. Dos 17 auditados polo TCE en 2012, ningún se publicou na páxina web. "Ninguna de las adjudicaciones ha sido objeto de publicidad a través del perfil del contratante de la entidad fiscalizada, incumpliéndose así las previsiones contenidas en el artículo 53.2, inciso final, del TRLCSP", advirte o Tribunal.
O CETAL si publica agora os concursos na súa páxina. Iso si, o polémico concurso adxudicado en decembro a dedo a Lucus Lex (o despacho do que é administrador mancomunado do cesado Luis Lamas) non está publicado no portal da Fundación, como manda a Lei. Polo contrario, si se pode atopar na plataforma de contratación do Estado.
Soprenden outras lagoas clarísimas. Por exemplo, o ente fiscalizador denuncia que "la duración del contrato menor excedió el plazo de un año establecido en la Ley". Nese expediente consta que "la duración del mismo quedó fijada en cuatro años, previsión contractual contraria a lo establecido en el artículo 23.3 del TRLCSP que limita a un año, sin posibilidad de prórroga, la duración los contratos menores".
O desleixo na contratación chega ao punto de que non hai documentación de que algúns contratistas estean ao pago das súas obrigas coa facenda pública, un dos requerimentos básicos antes de cobrar de calquera administración. O CETAL tampouco puido demostrar que cumprise coa obriga de acreditar a solvencia económica dos adxudicatarios ou a súa habilitación profesional. En tres adxudicacións incluso non figura no expediente documentación algunha que demostre, como esixen as normas, que existía a necesidade de encargar ese traballo.
Tamén hai un contrato no que o Centro "pactó un pago anticipado equivalente al 51% del importe total de adjudicación, decisión que resulta contraria a regla del servicio", outro no que a licitación sae por 17.900 euros pero ao final adxudícase por máis importe (22.737 euros) e unha obra que se fai en dous meses cando tiña que estar completada en quince días, sen que conste sanción ningunha a contratista nin explicación do atraso.
Ademais, a CETAL recibe un claro 'tirón de orellas' por non prestar a obrigatoria colaboración ao ente fiscalizador do Estado. O Tribunal denuncia que a instución luguesa non lle entregou a documentación dos contratos investigados, coa sorprendente excusa de que xa llos remitira a Axencia Tributaria. Cando os auditores lle pediron as facturas deses contratos "tampoco pudo aportar copias de las correspondiente facturas al no contar con las mismas". Noutras palabras, o Tribunal tivo que fiscalizar sen que a Fundación lle facilitara os orixinais de contratos ou facturas provocando "una limitación importante a los trabajos que deben ser vrealizados por el equipo fiscalizador".
Malia os atrancos á labor do Tribunal, os fiscais describen múltiples irregularidades no equipo que dende marzo dirixe Javier López Viana, ex xefe de gabinete da Consellería de Medio Rural. Canda López, quen tamén fora responsábel da empresa pública Xenética Fontao, comparten a responsabilidade da administración da Fundación Luis Lamas (o tesoureiro cesou como presidente de SOGAMA pero sigue no CETAL e na secretaría de organización do PP de Lugo), a ministra Isabel García Tejerina, o delegado do Goberno Santiago Villanueva, o director xeral de Industria Alimentaria Santiago Villanueva, o director general de Industria Alimentaria Fernando Burgaz, o alcalde de Lugo López Orzoco, o conselleiro de Economía Francisco José Conde López, o representante do sector lácteo Jose Luis Antuña e o reitor da USC Juan Viaño.
GC púxose en contacto co CETAL para que a institución dera a súa versión a estas denuncias do Tribunal de Cuentas, sen recibir resposta polo de agora.
O Tribunal de Cuentas, malia ser o ente fiscalizador contábel supremo no Estado, non ten capacidade de impor sancións aos altos cargos. Con todo, o incumplemento reiterado das súas recomendacións podería supor a aplicación de multas, segundo a regulación vixente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.