Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2023 | Actualizada ás 13:48
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, avanzou que os socialistas farán unha campaña "limpa" para as próximas eleccións municipais, "como é Galicia, con valores de honestidade e honradez".
"Moi afastados de mensaxes como os que manda algunha varonesa do PP que incita a matar á oposición. Non imos xogar nunca a iso. Imos xogar a convencer á cidadanía galega, que por iso no ámbito máis próximo á cidadanía, como é o municipal, o PSdeG ten os resultados que ten", defendeu Formoso, que participa en Madrid no Comité Federal do PSOE.
Alí, sinalou, os socialistas galegos acudiron para presentar unhas listas "que significan unha aposta sólida por Galicia". "En 2019 xa fomos a forza política con mellor resultado e volverá ocorrer en 2023 porque somos os que máis nos identificamos cos valores principais da sociedade galega", asegurou.
INÉS REY PRESIDE O COMITÉ FEDERAL
Formoso encabeza a delegación galega do PSdeG, conformada por secretarios provinciais como Bernardo Fernández, da Coruña; David Regades, Pontevedra; e José Tomé, de Lugo; nunha sesión na que o PSOE designou á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, como presidenta do Comité Federal en ausencia de Milagros Tolón, a alcaldesa de Toledo.
Na súa intervención, Rey tamén aludiu á mensaxe de Ayuso para sinalar que "o que sobra na sociedade son as mensaxes de odio (...) que tenten destruír os alicerces da nosa convivencia".Tamén participan o alcalde de Vigo, Abel Caballero, ou a presidenta da Deputación de Pontevedra e presidenta do PSdeG, Carmela Silva. Ademais, acoden deputados e senadores como César Mogo, Adolfo Pérez Abellás ou Marina Ortega, e representantes locais como a secretaria xeral de Ourense, Natalia González Beneitez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.