O BNG inicia unha ofensiva política para reclamar 35 novas competencias para Galicia tras "14 anos de parálises do PP"

O PPdeG analizará a proposta, aínda que advirte que non comparte cos nacionalistas "baleirar" o Estado de "toda" competencia

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 20/03/2023 | Actualizada ás 15:17

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego iniciará no Parlamento e no Congreso unha ofensiva política para reclamar 35 novas competencias para Galicia tras "14 anos de parálises do Partido Popular" sen lograr ningún novo traspaso. Así o anunciou este luns a líder dos nacionalistas galegos, Ana Pontón, quen compareceu en rolda de prensa na Cámara galega xunto ao deputado do BNG Luís Bará.

Na súa intervención, a dirixente nacionalista explicou que esta axenda en defensa do autogoberno ten dous obxectivos prioritarios como son dispor de máis medios para facer fronte á crise, así como impulsar o desenvolvemento económico.

Pontón sostivo que, fronte á "falta de propostas do PP", que fixo que Galicia "fose perdendo posicións", o BNG toma a iniciativa. "Non podemos seguir co manual de instrucións vello que nos trouxo ata aquí", asegurou.

Para lograr esta ampliación de competencias, o BNG defendeu "dúas vías". "A primeira é cumprir o Estatuto", dixo Pontón, que asegurou que "é o mínimo que se pode esixir 40 anos despois da súa aprobación". Tras iso, citou as 35 novas competencias que neste momento son de ámbito estatal pero que segundo a Constitución "pódense traspasar ás Comunidades".

UN TOTAL DE 35 COMPETENCIAS

Pontón dividiu estas 35 competencias en sete bloques distintos. En primeiro lugar citou a ordenación do territorio e as infraestruturas, un apartado no que incluíu o traspaso de vías como a AP-9 e AP-53, dos aeroportos, os portos de interese xeral, o servizo de Salvamento Marítimo, a ordenación do litoral e a competencia de tráfico.

En materia laboral e sanitaria reclamou a Inspección de Traballo, a Seguridade Social, a formación ocupacional, os servizos sanitarios e a asistencia a traballadores do mar, así como que Galicia teña a capacidade de decidir cantos MIR necesita formar cada ano.

No ámbito educativo pediu competencias plenas para que Galicia poida definir a totalidade do seu sistema educativo, as bolsas e a transferencia a Galicia de todos os centros de investigación que teñen a súa sede na Comunidade.

En canto aos sectores produtivos, reivindicou a inspección pesqueira, os seguros agrarios e paradores. Ademais, solicitou que Galicia sexa quen autorice todos os proxectos de produción de enerxía que se sitúen en territorio galego, redes básicas de gas, así como a supervisión e control de refinarías e almacén de hidrocarburos.

No aspecto institucional, Pontón propuxo que Galicia teña presenza nas entidades de carácter estratéxico que afectan á vida dos galegos e ao desenvolvemento económico como o Banco de España, a Comisión Nacional do Mercado de Valores, Portos do Estado, Aena, así como empresas públicas como Astano.

Por último, en materia de lingua, cultura e patrimonio citou as competencias relacionadas como o fomento da industria cinematográfica, así como a transferencia de arquivos, bens e fondos e históricos espallados polas distintas institucións.

Pontón finalizou a súa intervención lembrando as palabras nas que o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afeaba en 2009 ao bipartito só conseguir "14 traspasiños" para censurar que nos seus 14 anos de goberno o PP non conseguise ningún.

"MANTIVEMOS O AUTOGOBERNO FINANCEIRO"

Sobre este asunto foi cuestionado, na habitual rolda de prensa dos luns, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, quen asegurou que os populares analizarán a listaxe de transferencias que pide o BNG. En todo caso, matizou que a súa formación non comparte co Bloque "baleirar" o Estado de "toda" competencia a diario, senón só incorporar aquelas que melloren a xestión dos servizos públicos na Comunidade.

De feito, subliñou que non é a primeira vez que os nacionalistas propoñen cuestións "perigosas ou prexudiciais" para Galicia --exemplificou co concerto económico-- que "non están xustificadas ou motivadas" máis aló dos seus "parámetros ideolóxicos". E engadiu que un dos traspasos pendentes máis relevantes, o da AP-9, foi "pactado" polo Bloque co Goberno a principios de mandato, pero aínda non se materializou.

O deputado do BNG, Luis Bará,  xunto á líder da formación, Ana Pontón, nunha rolda de prensa
O deputado do BNG, Luis Bará, xunto á líder da formación, Ana Pontón, nunha rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta