O colectivo médico Batas Blancas denuncia "o principio da fin" da sanidade pública en Galicia

Segundo o colectivo, os diferentes cambios levados adiante pola Xunta no sistema sanitario público galego “marcaron o principio do fin dun sistema sanitario que, a pesar das súas debilidades, daba unha resposta ás necesidades da poboación".

Por Galicia Confidencial | Santiago | 23/03/2023 | Actualizada ás 20:44

Comparte esta noticia

A asociación médica Batas Blancas denuncia o deterioro da sanidade pública nos últimos doce anos. Este deterioro estase levando adiante a pesar de circunstancias como foi a incidencia da pandemia. Por iso, Batas Blancas denuncia que “o goberno de Galicia foi tomando decisións políticas que nos conduciron á situación actual de profunda e grave crise en que está inmersa a sanidade pública galega”.

Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo | Fonte: PEDRO DAVILA

Batas Blancas destaca que os diferentes cambios levados adiante pola Xunta no sistema sanitario público galego “marcaron o principio do fin dun sistema sanitario que, a pesar das súas debilidades, daba unha resposta ás necesidades da poboación máis que aceptable e onde os profesionais estabamos bastante satisfeitos e motivados”.

Entre as diferentes decisións que levaron á sanidade pública en Galicia, Batas Blancas sinala algúns puntos.

Unha normativa aprobada pola Xunta de Galicia e que a Conselleria de Sanidade implantou a partir do 2011 en toda Galicia, onde se creaban as Estruturas de Xestión Integrada (EOXI).
Concentrábase todo o territorio en 7 grandes áreas sanitarias
(Coruña-Cee; Santiago-Barbanza; Ferrol; Ourense-Verín- Barco de Valdeorras; Pontevedra-Salnés; Vigo e Lugo- A Mariña-Monforte de Lemos) cunha xestión unitaria de todos os recursos sanitarios, humanos e materiais no seu ámbito territorial. Así como de integración de todos os centros asistenciais e das prestacións e programas sanitarios, con orzamentos únicos por cada área.

A creación da figura política dun único directivo “con capacidade absoluta de mando sobre toda a área e coincidente coa figura de xerente do hospital máis grande existente en cada área”. Estes políticos “con mando en praza, rodeados dun equipo de 18-20 profesionais con nomeamentos de libre disposición, non por méritos”.

Batas Blancas destaca que este punto trouxo a politización dos equipos directivos e os demais mandos da organización baixo o principio de “dedocracia fronte á meritocracia”. Isto último foi eliminando o sentido crítico nos mandos “e en toda a organización con toda a transcendencia e importancia que iso conleva para a mellora continua do Sistema sanitario”.

A Xunta de Galicia escolleu unha “privatización” da prestación en asistencia sanitaria. A colaboración público-privada fíxose patente coa adquisición de todos os hospitais privados galegos por grandes grupos multinacionais que apostaron por Galicia para obter grandes beneficios, “sendo o exemplo máis patente, o caso de Vigo”. Denuncian que o Hospital Álvaro Cunqueiro foi dimensionado para seguir mantendo o concerto especial con Povisa para atender unha gran parte da poboación desta área.

Critican os concertos sanitarios pois ofrecen aos pacientes ser operados en centros privados concertados “baixo a advertencia que se non aceptan deberán esperar moito tempo para que lle resolvan as súas doenzas”. En relación a isto, Batas Blancas denuncia tamén a decisión de flexibilizar a compatibilidade dos médicos do Sergas para traballar nos hospitais privados concertados. Isto só beneficia aos centros privados concertados implantados en Galicia axudándolles a incrementar o seu negocio a conta da sanidade pública.

Sobre Recursos Humanos, a asociación destaca que nestes últimos 12 anos, a Conselleria de Sanidade e o Sergas xestionaron a todo o persoal sanitario e non sanitario de maneira tóxica. “Existiu e segue existindo unha política de actitude agresiva, de censura e veto e un mandar sen escoitar cara a todos os traballadores da sanidade pública. Un acoso laboral en toda regra”.

Esta situación trouxo tres consecuencias: “un importante aumento do absentismo laboral, fuga de profesionais e síndrome de Bournout nos que seguimos traballando”. Os chamados contratos lixo e unha cultura laboral practicamente nula e “unha falta de seguridade psicolóxica eliminou totalmente o fundamental e imprescindible “sentido de pertenza””. Por todo isto piden á administración galega unha solución completa a toda a situación do SERGAS e que non siga recorrendo a “parches”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta