Baltar non pecha a porta a un novo pacto con Jácome

O presidente do PPdeG de Ourense e da Deputación provincial, José Manuel Baltar, mostrouse convencido de que os populares mellorarán os resultados de 2019 nas próximas eleccións municipais

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 26/03/2023 | Actualizada ás 19:38

Comparte esta noticia

O presidente do PPdeG de Ourense e da Deputación provincial, José Manuel Baltar, mostrouse convencido de que os populares mellorarán os resultados de 2019 nas próximas eleccións municipais.

Así se expresaba Baltar nunha entrevista concedida a Cadea Ser Galicia e recollida por Europa Press este domingo, na que ademais non pechaba a porta a un novo pacto con Gonzalo Pérez Jácome. "Non foi un eror pactar con Jácome. Fomos os primeiros en aprobar os orzamentos", defendeu.

Respecto ao candidato para a cidade de Ourense, Manuel Cabezas, explica que volve postularse para levar a cabo "unha segunda transformación" da cidade das Burgas, "como xa fixo no pasado". "Non son vellas propostas. Os ourensáns manteñen vivas as apostas de Cabezas", comentou.

Considera Baltar que na provincia de Ourense é onde se obterán os mellores resultados, que "será a gran vencedora das eleccións municipais". "Melloraremos. Xa no 2019, aínda sendo os mellores resultados do PP en España, non estabamos contentos", lembrou.

Doutra banda, o líder dos populares de Ourense comentou que non bota de menos a Feijóo, "líder do PP e un ourensán que será presidente neste 2023". Ve ao expresidente autonómico "preparado, formado, con capacidade de Goberno".

SUCESIÓN FEIJÓO E ESTILO RUEDA

"A sucesión de Feijóo foi un exercicio perfecto e modélico de como deben facerse as cousas. Iso tamén se debe ao perfil e á personalidade de cada un deles", apunta Baltar sobre o proceso de cambio dentro do PPdeG e na Xunta coa marcha de Feijóo e a chegada de Rueda.

Preguntado polo 'estilo Rueda', responde que consiste en "facerse querer, en xestionar con absoluto rigor". Por último, aínda que rexeita falar de baronías, si defende "estruturas provinciais fortes, un discurso que non poden dar outros partidos como o BNG, que non cre nas provincias ou o PSdeG, que non atopa liderados".

Confirma o presidente da Deputación de Ourense que non ten máis aspiracións que a entidade provincial. "Non hai nada mellor que liderar o goberno da túa provincia. Xa estiven na política autonómica e o único salto que hai é de Santiago a Ourense, non ao revés", afirma.

José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense
José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta