A RAG pide máis apoio para a educación e os medios en galego

Víctor Fernández Freixanes defende no IX Congreso Internacional de la Lengua Española a pluralidade cultural e lingüística.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/03/2023 | Actualizada ás 11:01

Comparte esta noticia

O presidente da Real Academia Galega participa no IX Congreso Internacional de la Lengua Española que reúne dende hoxe en Cádiz máis de 300 congresistas de todo o mundo hispánico. Víctor F. Freixanes intervirá, canda os responsables das academias vasca, catalá e española, nun encontro no que defenderá a pluralidade lingüística e cultural como unha riqueza que debe ser apoiada por unha política común dende o Estado e dende as comunidades autónomas. 

Víctor F. Freixanes, presidente da RAG
Víctor F. Freixanes, presidente da RAG | Fonte: RAG

O presidente da RAG reivindica o desenvolvemento de iniciativas que abrangan dende os medios de comunicación e o sistema educativo –con especial atención aos primeiros niveis­ ata o comercio, a administración ou a representación internacional, chama a atención sobre o desafío que significa combater os modelos uniformadores que entraña a globalización, e reclama o fortalecemento dos recursos económicos e técnicos para facer efectivas as actuacións necesarias.

O presidente da RAG afondará na súa intervención no espírito da declaración institucional que a propia Real Academia Galega, Euskaltzaindia e o Institut d’Estudis Catalans fixeron pública en 2021 arredor do debate público sobre a presenza das linguas cooficiais no sistema educativo. As tres institucións salientan en dito documento que a diversidade lingüística é unha riqueza que cómpre preservar e avogan polo respecto mutuo e a convivencia entre as comunidades lingüísticas e os/as falantes das diversas linguas do Estado español. “Éuscaro, catalán, castelán e galego forman parte da pluralidade cultural e institucional que nos define, e a pluralidade nunca pode ser un problema. Debemos considerala unha riqueza da cal todos nos sintamos orgullosos”, reitera Víctor F. Freixanes.

O responsable da RAG asistirá este mediodía á apertura do congreso, que contará coa presenza dos reis de España no Gran Teatro Falla. Durante a súa estadía na capital gaditana acudirá, entre outros encontros, á inauguración da exposición do Consello da Cultura Galega Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas, séculos XVI-XVII na Universidad de Cádiz, que será presentada hoxe ás 10:00 horas pola súa presidenta, a académica Rosario Álvarez, que participa tamén no congreso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta