Paula Prado: "Fixemos unha transición exemplar. Non podemos permitirnos entrar en liortas internas coma están outros partidos"

Galicia Confidencial entrevista á secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, directora de campaña da formación nos comicios municipais do vindeiro 28 de maio. Unhas eleccións nas que os populares pretenden marcar un punto de inflexión para recuperar poder local, sobre todo nas cidades e deputacións, e encarar en mellor posición a batalla electorsl das xerais e das galegas.

Por José Barros Blanco | Santiago de Compostela | 30/03/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O pasado mes de febreiro, o presidente do PP galego, Alfonso Rueda, confirmou que vostede ía ser a directora de campaña nas eleccións municipais do 28 de maio. Como está a afrontar a responsabilidade que este reto supón?

A secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, en rolda de prensa. PPDEG
A secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, en rolda de prensa. PPDEG

Esa é a palabra, responsabilidade. O PP é un partido de goberno e temos que trasladar á cidadanía un proxecto responsable, solvente e serio, mais tamén de unidade. Onde gobernamos aspiramos a seguir facéndoo, e alí onde non o facemos temos a obriga de presentar unha alternativa que sexa atractiva, o que pasa irremediablemente polo proxecto. Niso estamos traballando agora. Temos xa os candidatos e candidatas e os seus equipos, e agora eles ocúpanse das listas e de trasladar o noso proxecto a cada concello, tendo en conta as particularidades de cada cidade e vila.

Despois dos resultados dos últimos comicios municipais, e tendo en conta o actual escenario, cales son as expectativas do PP para esta cita electoral?

Partindo da base de que somos o único partido que presenta candidatura nos 313 concellos, defendemos que somos os que máis nos parecemos a Galicia, porque fomos capaces de conseguir eses 313 candidatos e candidatas. Non renunciamos a nada, porque vemos como a tendencia nas enquisas é á alza e somos o único partido que estamos subindo en intención de voto. Neste sentido, a marca do PP está forte.

Por outra parte, vemos como o PSOE está intentando que esta campaña teña unha lectura en clave estatal e referendar as políticas do presidente Pedro Sánchez. Nós intentamos trasladar que o goberno de Sánchez prexudica a Galicia.

Van ter un papel clave estas eleccións municipais nos comicios estatais de finais de ano e nos galegos do ano que vén?

No ano 2019, é evidente que non obtivemos un bo resultado nos comicios municipais, e aspiramos claramente a mellorar ese resultado. Por que? Porque estamos seguros que un mellor resultado nas eleccións do 28 de maio vai a supoñer un empuxón para o presidente Feijoo e despois para o presidente Rueda.

Falando de Alberto Núñez Feijoo, por primeira vez nos últimos quince anos, o ex presidente da Xunta non participará de forma activa no total da campaña das eleccións municipais. Como se xestiona esta situación á hora de coordinar unha campaña, tendo en conta que, despois do ex presidente Manuel Fraga, Núñez Feijoo é a figura máis importante do PP galego?

No último ano fomos capaces de facer a transición de Alberto Núñez Feijoo a Alfonso Rueda dunha maneira absolutamente exemplar, sen fisuras, con moitísima unidade e con moitísima responsabilidade. Non podemos permitirnos entrar en liortas constantes como están outros partidos. As enquisas a nivel autonómico corroboran o traballo realizado polo presidente Rueda e o PP nestes doce meses. En canto ao presidente Feijoo, en Galicia coñécese ben a súa capacidade solvencia e de xestión. Telo en Madrid, aspirando ao cambio no Goberno estatal, é un aliciente para os galegos e galegas a tomarse estas eleccións como un primeiro paso para levalo á Moncloa. Máis que un problema, vémolo como unha oportunidade.

Nas últimas, semanas, tanto o BNG como o PSdeG centraron o foco na situación de precariedade que sofre a sanidade pública galega. As críticas van dirixidas especialmente á falta de medios na Atención Primaria. Como afronta o PP esta cuestión que é negativa, xa que son o partido que está na Xunta e que asume as competencias sanitarias?

Penso que os datos avalan unha boa xestión no ámbito da sanidade, por moito ruído que faga a esquerda. Os galegos e as galegas valoran que cando van á sanidade pública a atención é magnífica. No barómetro da sanidade estatal que presenta o Ministerio Sanidade, a valoración da sanidade galega está por enriba dos estándares do resto de sanidades. Agora ben, atopámonos nun contexto no que hai unha falta de médicos en todo o Estado. Algo está pasando na sanidade pública que nos está afectando a todos, polo que botarlle a culpa ao goberno galego resulta sorprendente e nos dá a medida do que é a oposición en Galicia.

Non é un problema nin de cartos nin de recursos. Faltan profesionais na sanidade, e por iso nós lle pedimos ao Goberno español que nos deixe formar máis médicos MIR para poder incorporalos á sanidade e lle pedimos tamén que nos dea a especialidade de urxencias. O Executivo estase negando a esas dúas cuestións, que son fundamentais para resolver os problemas de falta de médicos. Non é un problema nin de Ayuso nin de Rueda, todas as comunidades autónomas están nunha tensión pola falta de médicos, e así o vemos coas manifestacións. Se o problema fose só en Galicia, só habería manifestacións aquí.

A xente valora que cada vez hai máis centros de saúde, máis hospitais e máis aparatos. Estamos innovando para dar a mellor atención posible, e a xente cando acode ao médico sabe que a van atender nuns días. Se a esquerda quere deostar a sanidade e os profesionais da sanidade, fraco favor lles fan. Non xestionaron nunca un só euro público, e por iso están tendo un discurso alleo á xestión do día a día dun servizo público tan importante como é o da sanidade. Cos datos desmontamos todo o discurso falaz da oposición.

E vostedes, onde queren poñer o foco de cara a estas eleccións municipais?

Nós contrapoñemos o noso proxecto aos que poñen os intereses partidistas por enriba dos intereses xerais. Por exemplo, vémolo estes días coa Lei do ‘só si é si’, cun BNG que se viste de feminista pero vota en contra da derrogar a lei. É un falso feminismo e están facendo que o movemento feminista sexa antipático para a xente. Estámoslle dando armas á xente que deosta o feminismo.

Por outra parte, votar ao Partido Socialista é votar ao partido de Pedro Sánchez. O que rebaixou o delito de malversación, o que eliminou o delito de sedición, o que ten no Congreso dos Deputados un grupo sen identificar involucrado no caso ‘Mediador’.  É o Partido Socialista do Pedro Sánchez que non arranxa o viaduto do Castro, que non trouxo os trens de Alta Velocidade para Galicia, que non nos permite aprobar os Pertes de automoción nin nos dá os fondos europeos para a industrialización. A xente que vota aos alcaldes socialistas estalle dando osíxeno a Pedro Sánchez, e iso é letal para Galicia.

Neste momento e salvo contadas excepcións, o PP é a única formación de dereitas con capacidade real para obter representación na maioría dos concellos galegos. Esa falta de potenciais sociais pode supoñer unha debilidade?

Nós sempre apostamos porque goberne a lista máis votada, pero para iso é necesaria unha reforma da lei electoral. Mentres iso non ocorra, se nos falta un voto para a maioría absoluta corremos o risco de que se produza un pacto de perdedores. Ao PSdeG e ao BNG dálles igual o resultado electoral. Se entre os dous suman un concelleiro máis que o PP, van pactar e gobernar entre eles.

Para nós iso é unha fortaleza, porque lle trasladamos á cidadanía que só pactamos con eles nas urnas, e porque mostramos un modelo de goberno baseado de estabilidade, sen liortas internas de gobernos de coalición e cun programa que se vai cumprir por completo.

Iso non quita que poidamos chegar a acordos, como xa facemos no Parlamento galego, onde hai iniciativas da oposición que se aproban cos nosos votos porque consideramos que son boas para a cidadanía. Non é só o que queira o PP. Se hai propostas que son beneficiosas e melloran a vida da xente, loxicamente tamén as aprobamos.

Días atrás, o ex portavoz de Ciudadanos en Ourense, Pepe Araújo, anunciou que se uniría á candidatura do candidato popular na cidade, Manuel Cabezas. Está o PP a traballar para incorporar novos activos políticos, mesmo aqueles que proveñan doutras formacións?

Somos un partido aberto a todas as persoas que se senten identificadas co noso proxecto. Sempre e cando acheguen algo ao PP, teñen as portas abertas. No caso de Ourense, Manuel Cabezas considera que Pepe Araújo é unha persoa deste tipo e por iso a incorpora. Hai exemplos noutras moitas vilas e cidades. Insisto, somos un partido aberto e por iso temos candidaturas nos 313 concellos de Galicia. O proxecto do BNG non atrae, e por iso non chegan á totalidade do país. Un proxecto baseado no feminismo e no ecoloxismo radicais, na independencia, non pode ser atractivo para os galegos e galegas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta