Por E.P. | Santiago de Compostela | 30/03/2023 | Actualizada ás 17:12
O grao en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela contará no próximo curso 2023/24 cun total de 403 prazas, un 10% máis que no presente exercicio, cando puideron matricularse 360 alumnos.
Así o recolle a oferta global aprobada este xoves na reunión do Consello de Goberno da institución compostelá que, ademais, deu luz verde ao seu regulamento de convivencia e á cobertura e convocatoria de postos docentes e administrativos, segundo recolle un comunicado.
Deste xeito, a USC ofertará o próximo curso un total de 4.754 prazas en grao, 1.796 en máster e 849 en doutoramento. Entre elas, destaca o incremento de 43 prazas no grao en Medicina, que se achega ao 15% que promove o Goberno central para as universidades con esta titulación.
A nivel de persoal, a directiva da institución académica aprobou a creación de medio centenar de prazas de profesor axudante doutor e a convocatoria dunha trintena de concursos para estabilizar esta figura docente a través de prazas docentes contratados como doutor.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.