O BNG acusa ao PP de estar "desnortado" e "entregado ás eléctricas", sendo "incapaz" de defender Galicia

Ana Pontón insiste na necesidade dunha empresa pública de enerxía, unha tarifa eléctrica galega e un modelo descentralizado

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/04/2023 | Actualizada ás 16:05

Comparte esta noticia

O BNG presentou este luns nun encontro con expertos e representantes municipais as súas propostas en materia enerxética, que pasan por unha "aposta decidida" pola participación pública no sector enerxético, unha empresa pública de enerxía, unha tarifa eléctrica galega, así como "cambios para un modelo que sexa descentralizado" fronte a un PP "desnortado e "entregado ás eléctricas".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que se necesitan "alternativas políticas valentes e con ambición" para poder cambiar "a paradigma" e sentar as bases de "un novo modelo enerxético galego" pensado "desde e para Galicia" que "poña fin ao espolio eólico e á concentración dos beneficios multimillonarios en mans de grandes eléctricas".

Na súa intervención neste encontro, Pontón afirmou que o PP en Galicia está "desnortado", "entregado ás eléctricas" e é "incapaz de defender o interese xeral" de Galicia. "Mentres outros se moven, vemos unha Xunta dormente, cun modelo eólico depredador con sentenzas en contra do TSXG, criticado pola sociedade, por asociacións agrarias, de montes e concellos de todas as cores políticas", censurou.

Ademais, reprochou ao Goberno galego que sexa "incapaz" de pedir ao Executivo central a retirada do POEM "para defender os intereses do sector". Fronte a isto, a líder nacionalista afirmou que Galicia "non pode perder máis tempo", polo que sinalou que se debe "traballar con audacia" para conseguir ser "vangarda" na loita contra o cambio climático".

MEDIDAS

Así, fixo público un decálogo de medidas para reducir o consumo de enerxías fósiles, do que destacou as que considera que teñen "especial urxencia": unha empresa pública e unha tarifa eléctrica galega, e un modelo descentralizado.

Para os nacionalistas, débese apostar pola participación pública no sector enerxético, "priorizando os parques eólicos ás empresas que prioricen a participación social". Neste sentido, reivindicou unha empresa pública de enerxía que poida "ir rescatando as concesións eléctricas segundo vaian caducando". "Trataríase dunha entidade que nos permita poder ter instrumentos públicos para intervir no mercado da enerxía", explicou.

En canto á tarifa eléctrica galega, que Pontón considera "de sentido común", detallou que se necesita "vontade política" para "abaratar as peaxes polo papel produtor que ten Galicia". "Exportamos o 40% da enerxía eléctrica que se produce no país e entendemos que esta achega tamén ten que ser compensada por parte do Estado", relatou.

No caso dos cambios para un modelo descentralizado, Pontón sinalou que é necesario que se faga "máis esforzo en investigación, fomentar o autoconsumo" e un "papel activo dos concellos".

Así mesmo, demandou "maiores esixencias no ámbito económico e ambiental", cun cambio de lexislación no que "se impulse un cambio de paradigma que teña no centro a declaración do vento como dominio público galego".

"Hoxe presentamos propostas serias, rigorosas, estudadas, que teñen ambición e que tocan un debate fundamental, como é poder situar a Galicia neste terreo cambiando o modelo, apostando por unha transición xusta, democrática e que implique que podamos mirar cara ao futuro con optimismo", relatou.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta