Por gcdeportes | Lugo | 20/02/2015 | Actualizada ás 08:35
Ata o de agora intuíase: a oposición do CD Lugo á chegada de Tino Saqués como comprador do 49% das accións en mans da Deputación e do Concello. Xa quedou clara: o actual consello de administración non quere ao dono de Frisaqués no club e chegará ata a xustiza para tentar impedilo. Durante case dúas horas, o director xeral do CD Lugo, Carlos Mouriz, amosou o rexeitamento ao proceso de venda, acusou as administracións de non cumprir co acordo firmado e ata negou validez á compra das 150.000 accións por parte de Tino Saqués.
O CD Lugo presentou un informe, firmado polo catedrático José Manuel Otero Lastres, especialista en Dereito Mercantil, que sostén que Frisaqués non pode mercar os títulos da Sociedad Anónima Deportiva ao non ter esa actividade (posuír accións dunha SAD) recollida nos seus estatutos sociais, como denunciou o avogado do empresario Gerard López. O informe conclúe que a devandita empresa non pode adquirir os títulos e apunta incluso que Frisaqués “actuó con culpa grave al concurrir a un concurso público sabiendo que su objeto social no incluía la tenencia de acciones”.
Pero o enfrontamento co empresario Tino Saqués ven de lonxe, segundo relatou Carlos Mouriz, quen dixo que a relación non foi boa cando foi directivo e había desencontros considerábeis no xeito de “xestionar o club”. O voceiro do consello acusou a Saqués de investir no CD Lugo (ten xa un 8% das accións) só por interese persoal: “foi o único que puxo condicións”, como explotar a bancada nun dos fondos do estadio. Ao final da tempada pasada, Saqués renunciou a ela pola falla de rendibilidade, e o club quedou sen 200.000 euros previstos nos orzamentos. Mouriz revelou que o club, tralo primeiro partido con esa bancada aberta, lle pagou 41.322,31 euros ao empresario para compensar a diferenza entre o prezo que fixou para as entradas e o pactado previamente coa Ponferradina.
Tamén arremeteu o conselleiro do Lugo contra a Deputación, a quen acusou de incumprir o protocolo de actuación na venda das accións. “Coido que se fixeron mal as cousas, que non se fixeron como se tiñan que ter feito, como estaba recollido e falado dende o primeiro momento”. Mouriz asegurou que o pactado era que o club buscase un comprador, que foi Gerard López, empresario luxemburgués con orixes en Riotorto, e logo ter feita unha venda directa. “Cando atopas un comprador que pensas que reúne garantías dabondo, procede unha venda directa. E as institucións estaban capacitadas para facelo”.
Mouriz lembrou que a proposta do empresario luxemburgués foi a única que se presentou nun primeiro momento, pero solicitou un pago aprazado por cuestións fiscais. A Deputación, no canto de efectuar unha modificación, trocou as bases do concurso e abriu un novo prazo, que foi aproveitado por Tino Saqués, que coñecía a oferta do seu rival, para mellorar o prezo polo 49% das accións do CD Lugo. “Se hai un troco nas bases para o pago aprazado, non entendo como na metade do camiño se poden sumar novas propostas”, dixo Mouriz sobre a oferta de Saqués.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.