Se a vida fose así!

Nunha das secuencias máis emblemáticas de Annie Hall, Woody Allen atópase facendo cola para entrar no cine mentres un pomposo pseudointelectual comeza a falar sobre o erudito dos medios de comunicación Marshall McLuhan.

Por Alexander Vórtice | Pontevedra | 27/04/2023

Comparte esta noticia
A indignación da personaxe de Allen ante os seus comentarios lévao a iniciar unha discusión na que o cineasta saca da manga un inesperado as argumental: o propio profesor McLuhan aparece en escena para espetarlle ao pedante que non sabe absolutamente nada da súa obra e que as súas ideas soan a falacias na súa boca. Woody Allen olla directamente a cámara e afirma aquilo de ‘Se a vida fose así!’.
 
Algo semellante aconteceu hai uns días, despois de que o alcalde, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, estalase nunha nova perrencha contra a Dirección Xeral da Costa, acusándoa de paralizar proxectos estratéxicos impulsados polo Concello en terreos de dominio público marítimo terrestre, entre eles os de Mollabao, a praia de Ponte Sampaio, a ribeira do Lérez e a Xunqueira de Alba. Un reproche que o rexedor do BNG lle fixo chegar por carta ao secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán.
 
Como nese sketch no que os descerebrados Jackass agochan unha man xigante para ‘hostiar’ a algún colega desprevido, o líder do PSOE pontevedrés, Iván Puentes, anunciaba pouco despois desde a sede da UE en Bruxelas que, tras ano e medio de conversas e traballo co Ministerio para a Transición Ecolóxica, Costas comprometía un dos investimentos públicos máis importantes da historia de Pontevedra: 25 millóns de euros para rehabilitar as marxes do Lérez, incluíndo a Xunqueira de Alba e a parcela do antigo campo de fútbol de Ponte Sampaio.
 
O bofetón debeu ser tan sonoro que os terraplanistas non puideron agochar certo complexo de inferioridade, tentando desacreditar a autenticidade da boa nova e tildándoa de meras ensonacións electorais. A reluctancia foi de tal calibre que a propia concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, restou credibilidade ao anuncio de Puentes e ironizou sobre o mesmo, afirmando que “se eses 25 millóns de euros fosen unha realidade, faríamoslles unha festa”.
 
O exercicio de prepotencia debéuselle indixestar bastante á número 3 da lista de Lores cando o alcalde recibiu a carta de contestación de Hugo Morán, unha misiva na que ratificaba a disposición do Ministerio a financiar, licitar, adxudicar e executar (mesmo a redactar nalgún caso) a práctica totalidade dos proxectos de Pontevedra Flúe, é dicir, a estratexia impulsada por Iván Puentes.
 
Marshall McLuhan aparecía en pantalla para endilgarlles a Lores e Gulías que de bloqueo ‘rien’, que existe compromiso inversor e que as actuacións que se acometerán serán as negociadas co concelleiro de Desenvolvemento Sostible (Parques e Xardíns para os escépticos máis despectivos). O propio Iván Puentes recolleu a luva de Anabel e pediulle que establecera día e hora para a celebración desa festa. Agardo que cando menos convide á cidadanía a unhas empanadas e unhas birras.
 
Por suposto, lonxe de engulir o revés como un cabaleiro e de amosar a súa satisfacción ante o investimento público máis importante deste mandato, Miguel Anxo Fernández Lores respostou con outra perrencha aínda máis gorda, situando as propostas de Puentes no universo da entelequia e da física cuántica e acusándoo de encubrir a inacción de Costas en Pontevedra e de actuar de xeito desleal por ter coñecido a carta remitida polo secretario de Estado antes que o propio equipo de Lores (que quizais non a recibira porque se lle colara na carpeta de Spam).
 
Os mesmos gurús das criptomoedas que no seu día vaticinaran a vitoria por goleada de Agustín Fernández nas primarias do PSOE local e que aseveraban que a feira ambulante volvería ao centro da cidade "por enriba do seu cadáver", agora braman contra unhas xestións que, a pesar de seren ratificadas incluso por boca do ministro José Miñones (McLuhan aparecía unha vez máis), seguen a cualificar de fume. Semella que mesmo se o candidato socialista trouxera a Pontevedra a Pedro Sánchez e Ursula von der Leyen para confirmar eses 25 kilos, os da secta terraplanista seguirían a poñelo en tea de xuízo.
 
En lugar de celebrar o anuncio do seu compañeiro de Goberno e as repercusións positivas que terá para o conxunto da cidadanía, Lores expresou a súa irritación polo feito de que o concelleiro de Parques e Xardíns fora quen de desbloquear proxectos que levaban enquistados durante séculos. De non ser el mesmo quen o fixera. Quixo diluír nun debate sobre competencias e lealtade unha nova que, como dixo Gulías, é como para facer unha gran festa.
 
E como ben expresou o meu admirado Aldous Huxley, "os feitos non deixan de existir aínda que se ignoren".

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, durante unha entrevista con Europa Press
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, durante unha entrevista con Europa Press | Fonte: Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Alexander Vórtice Alexander Vórtice (Pontevedra, 1979) é xornalista, poeta, novelista, columnista, escritor e colaborador en Diario de Pontevedra, PontevedraViva, Diario16, Crónicas PTV e nas revistas culturais Falando con Letras, En tempos de Aletheia e Oceanum. As súas obras publicadas ata o momento grazas ao pulso dos golpes e as caídas son: Destilería Ocaso (2004), Neurose Tremens (2005), Material de Soños (2008), Deus e Outros Superheroes (2013), Atrofiadas as Estrelas (2015), Crónica dun Home Bo (2016), Vexetacións Carnívoras (2017), Tempa Maltreita (2019) e Diagnóstico Interior (2021).