Por Galicia Confidencial | Ferrol | 26/02/2015 | Actualizada ás 10:00
Novo xuízo nas filas do PPdeG ás portas duns comicios. Desta volta é o alcalde de Cabanas (A Coruña), Germán Castrillón Permuy (PP), ao que se lle abriu xuízo oral no Xulgado de Instrución número 1 de Ferrol por non executar a demolición dunha altura irregular nun edificio ordenada por dúas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Castrillón Permuy anunciou que tratará de evitar acudir a este xuízo alegando boa fe nesta decisión de non derrubar aínda esta construción. O seu argumento é que o Consistorio está pendente dun informe do Ministerio de Industria sobre o ascensor do inmoble e, ata que o reciba, non pode levala a cabo. En todo caso, di que o Concello xa aprobou a obra de demolición e o seu orzamento de execución.
O edificio en cuestión, “O Penso”, coñecido popularmente como "Elpidio", está situado no lateral esquerdo da estrada nacional entre Cabanas e Pontedeume, e foi construído a principios da década de 1990 en tres fases con case unha trintena de vivendas.
Nas dúas primeiras fases, obra da promotora Prominfer SL, edificáronse dúas plantas por encima da normativa urbanística de Cabanas, un municipio costeiro, que se rexía polas normas subsidiarias de 1988, a falta dun plan urbanístico propio.
Sobre o edificio pesan dúas sentenzas firmes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, unha de 1994 e outra de 1996, ratificadas en 2000 e 2001, que ordenan a reposición da legalidade tras dúas décadas de litixios dun conflito a partir dunha primeira demanda presentada en 1991.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.