Por Galicia Confidencial | Santiago | 27/02/2015 | Actualizada ás 08:00
EnSerie.gal nace para darlle unha maior visibilidade á ficción galega e tamén para dar resposta ás necesidades dos novos consumos audiovisuais. A grande aposta do portal pasa pola interactividade cos seus usuarios, co obxectivo de potenciar o crecemento e a internacionalización das series de ficción feitas en Galicia.
A versión definitiva de EnSerie.gal, accesible tamén co dominio enserie.crtvg.es, estará dispoñible no vindeiro mes de marzo, momento en que a Televisión de Galicia emitirá un programa especial que percorrerá as series da canle autonómica ao longo da súa traxectoria. Este espazo contará coa presenza dos actores e actrices máis recoñecibles das series e tamén ofrecerá actuacións musicais relacionadas, ao tempo que lembrará momentos impactantes das ficcións de hoxe e do pasado.
Mentres tanto, os usuarios xa poden participar na actual versión “beta” desta canle temática, onde é posible visualizar os capítulos de cada temporada das distintas series cunha navegación sinxela e intuitiva desde calquera dispositivo e acceder a contidos relacionados coas series como os making of, curiosidades, reportaxes, novas, etc. Ademais, contará con seccións de participación activas como os rankings dos/as máis queridos/as, os/as máis sexys, os/as mellor vestidos/as, etc. EnSerie.gal tamén ofrecerá a posibilidade de recrear secuencias.
A nova canle tamática da CRTVG inclúe tamén un blog, que, baixo o título de “O Figurante”, contará dúas veces por semana as últimas novidades e a información relacionada coas series da Galega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.